Difret , de Zeresenay Mehari

difret1Xerardo AgraFoxo. Esta película conta a historia de Hirut, unha nena dunha aldea etíope que é violada por un veciño cando regresaba do colexio. Para zafarse do agresor, que quere secuestrala para casar con ela, a cativa colle o seu rifle e acaba con el. Esta traxedia, baseada nun feito real ocorrido preto de Addis Abeba, serviu para denunciar a telefa, unha práctica que era común en Etiopía. Segundo un rito tradicional, calquera agresor pode evitar a condena de violación dun tribunal sempre que case coa vítima. O argumento de Difret (Valor) céntrase na loita da avogada Meaza Ashenafi (Meron Getnet) que, valéndose dunha rede de letradas, procura que Hirut (Tizita Hagere), de tan só 14 anos, non sexa condenada a cadea perpetua.

Polas circunstancias nas que se desenvolve a historia e a feble produción cinematográfica etíope, a película só se puido realizar grazas á xenerosidade de moitas persoas, entre elas, Angelina Jolie, que, despois de rodar En terra de sangue e mel (2011), sobre o conflito nos Balcáns, e Invencible (2014), baseada no drama do atleta Louis Zamperini, mostrou o seu apoio para que esta película se levase adiante sen que a liberdade creativa do director (Zeresenay Mehari) estivese condicionada.

difret2A película levou o Premio do Público no Festival Sundance (2014) ao mellor Filme Internacional e o mesmo galardón no Festival de Berlín (2014). Excelente pola súa factura, a valentía da denuncia e a espléndida interpretación das dúas actrices protagonistas.

2 comentarios en “Difret , de Zeresenay Mehari

  1. Admirado compañeiro:
    Para min, coma presunto historiador, cando unha película está baseada en feitos reais pouco coñecidos -Katyn ou Jimmy´s Hall ou O bailarín do deserto- véxoa con maior interese. Se podes, nos deixes de ver calquera destas.
    Apertas, Xerardo

  2. Aprezado Xerardo, non coñezo a peli e seguramente pagará a pena vela. Aínda así atrévome a facerche unha pregunta. Sempre me chamou moito a atención nas críticas de cine o feito de que se remarque se está ou non baseada nun feito real. Ti cres que ese dato é un valor engadido sobre o filme? É dicir, faina mellor? Esta teima empezou para min coa moi afamada “El expreso de medianoche”, tamén baseada en feitos reais, pero que é, para mín, unha cita totalmente racista. Saúdos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *