No 150 aniversario de Hélène Vacaresco

vacarescoRomán Arén. Poucos lectores do mundo hispánico lembrarán hoxe a Hélène Vacaresco e non moitos do ámbito francófono. Nacida en Bucarest o tres de outubro de 1866 nunha familia nobre, estivo a punto de casar co príncipe herdeiro do seu país, pero a voda frustrouse por razóns de Estado. Aínda que romanesa, a súa lingua literaria foi o francés, nada raro nese país, pois cómpre lembrar que Tristan Tzara, Eugène Ionesco, Cioran ou Eliade eran romaneses. Iniciou a súa andaina literaria na órbita do Simbolismo co poemario Chants d’aurore, en 1886, pero non adoita estar presente nas antoloxías simbolistas, malia ser coetánea de Édourd Dubus (1864), Mara Krysinska (1864), Pierre Quillard (1864), Fontainas (1865), Souza (1865), Mikhaël (1866), Mockel (1866), Schwob (1867) e outros poetas representativos do movemento.

En 1896 publica a Vacaresco o libro de poemas L’âme sereine, en 1903 Lueurs et flammes, en 1908 Le jardin passionné e en 1914 La dormeuse eveillée. Boa recepción crítica tiveron outras obras como Nuit d’Orient e Le sortilège, pero a súa obra maior foi Le rhapsode de Dânivovitrâ, de 1900, unha adaptación e recreación dos cantos do seu país natal.

En galego contamos cunha tradución da Vacaresco, “Canción rumana”, feita por Florencio Delgado Gurriarán para o volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, que xunto con Plácido Castro e Lois Tobío editou en Bos Aires en 1949, un verdadeiro fito cultural para a lingua galega en momentos de desprezo e persecución do noso idioma polo franquismo. Está reeditado en 2005 pola editorial Galaxia.vacaresco2 Esta é a versión de Delgado Gurriarán: “O millo verdexa por entre a verde herba./A miña portiña ao vento está aberta.//Xa se abriu ao vento, non hai que a pechar,/o millo abrileiro xa anda a abrochar.//Cando o céfiro a abre pola noite escura,/non é para verte, doce ollo da lúa.//Pola mañá cedo ábrea o vento mol,/mais non é por ti, raxeira do sol.//Ábrese a cantar cando, do que eu quero,/que vén xunto a min, sente os pasos ledos.//A miña portiña está ben aberta/para ao meu amado facerlle unha festa.//Alteiroso e doce é o home que eu amo,/por el, miña porta, ábrese cantando.//Das noites sen el, para encher o baleiro,/nun soño de amor eu na porta axexo.//Na súa boca ardente a miña hei pousar/e a man a tremer na súa forte man.//Terá que falarme de loitas e guerras,/o louxón da porta seus pasos arela.//Os chans conqueridos terá que cantar./Seu tépedo alento goréntalle ao ar.//Ha de namorarme e eu namorareino./O sol cintilante encherá o lameiro.//O millo verdexa por entre a verde herba./A miña portiña ao vento está aberta.//Xa se abriu ao vento, non hai que a pechar/o millo abrileiro xa anda a abrochar.”

Hélène Vacaresco seguirá a publicar e en 1927 editou outro poemario de interese, Dans l’or du soir. Falecerá en París en 1947.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *