Un barbancés na Gran Sabana (VI)

cap 6aAlberto Piñeiro. Aquela mañá dominical, despois de termos cumprido coa axenda de Teodoro, quixo a casualidade que nos atopásemos na Praza Bolívar de Santa Elena a Silverio, un veciño de meu sogro de ascendencia portuguesa que rexenta un restaurante en Valle de la Pascua, e que chegara á cidade na procura dun terreo que mercar, onde erguer un negocio e instalarse, fuxindo quizais da violencia que alaga o país.

-Onde nos viñemos atopar, Silverio! –exclamou meu sogro ao recoñecelo a carón dunha sucursal do Banco Caroní.

-Amigo Morao! –Alegrouse o guariqueño de adopción-. Canto gusto verte! E o mesmo aos acompañantes!

-Eles son meu xenro Alberto e meu sobriño Teodoro –presentounos Luis.

-Chegastes hoxe? –Proseguiu Silverio.

-Non, viñemos onte á noite. Durmimos na única habitación dispoñible dun hotel chimbísimo situado ás aforas –espetou meu sogro.

-Pois no que estou quedando coido que hai habitacións libres, e non é chimbo en absoluto –afirmou Silverio-. De feito, se vos parece e non tedes outros plans, podemos ir xantar á terraza que ten na parte traseira –convidounos o portugués cunha afabilidade que se agradece cando un se atopa tan lonxe do coñecido.

Sen pensármolo moito aceptamos a proposta de Silverio, aínda que na honra da verdade, máis que polo xantar en si, por ver se había chances de mudarnos ao seu hotel, no caso de que este cumprise as altas expectativas derivadas das palabras daquel amable hóspede. Así foi como, logo de mercar carne para asar, pan e cervexa Polar light ben fría, seguimos no Chevrolet o Toyota do noso amigo, que se internou por unha estrada secundaria, con apenas tráfico e menos vivendas á súa beira, para conducirnos a un hotel de planta baixa, ben coidado e mellor acondicionado, no que non dubidamos en instalarnos tras recibir a confirmación de que quedaban habitacións libres.

Manito –dirixiuse Luis a Silverio-, de non ser por ti nunca teriamos chegado a este lugar.

-Non é fácil dar con el –recoñeceu o veciño -, pero eu levo case dous meses aquí, polo que xa tiven  tempo a percorrer cada recuncho de Santa Elena. Se queredes, despois de xantar podo levarvos á Casa dos Cristais, onde hai unha exposición permanente de pezas de cuarzo e outras pedras, así como algúns obxectos e fragmentos prehistóricos. E tamén podemos achegarnos a Pacaraima, ao outro lado da fronteira.

-Será un pracer e unha honra que sexas o noso guía. Estaremos encantados de ir contigo a onde teñas a ben –afirmou meu sogro.

cap 6bA terraza do hotel, parcialmente cuberta con palmas sobre unha estrutura circular de madeira, contaba cun asador de pedra, dúas grellas adicionais máis pequenas, leña abundante e varias mesas e cadeiras. Un anaco dunha táboa pousada preto das grellas serviulle a Teodoro para cortar e ir adobando a carne de pucho que viñamos de mercar. Mentres o autoproclamado e eficiente cociñeiro preparaba o xantar, atendiamos o relato de Silverio, no que nos narraba o que agardaba máis alá da fronteira co Brasil.

-Pacaraima non é moi grande. Para encontrar a primeira cidade de importancia é preciso chegar a Boa Vista, distante en pouco máis de douscentos cincuenta kilómetros de aquí. Esa cidade é o centro administrativo e capital do estado Roraima, unha urbe pequena que, con todo, duplica ou triplica o tamaño de Valle de la Pascua, cun trazado urbanístico en forma radial, ao xeito de París, que se debuxa no centro dunha rexión sobre todo gandeira, se ben no pasado foi un dos núcleos principais da febre do ouro no Brasil. Dende ela, en dirección sur, non hai outra cidade ata Manaus, aproximadamente a doce horas de camiño pola estrada que atravesa a selva do Amazonas, pero non resulta moi conveniente desprazarse en coche particular, moito mellor en autobús ou en avión. Xa van de varios casos de viaxeiros que foron atacados por membros dunha tribo de canibais que habita neses bosques.

Verga! –Exclamou Teodoro-. E nunca atacan os autobuses?

-Non –respostou Silverio.

-Iso é porque non son lambóns. Nun autobús hai xente de máis… E aínda dous ou tres individuos xa dan para un bo banquete –elucubraba en voz alta o carupanero.

-Hai uns meses perdín a dous bos amigos que foron atacados por eles. Atoparon no automóbil unha frecha e algunhas aboladuras pequenas na carrocería.

-Vaia… –Dixo Teodoro, sen saber onde meterse tralo seu comentario-… Síntocho ben… Desculpa que bromease con iso…

-Parece que tiveron unha avaría de noite e se dispuñan a cambiar un caucho… Os indios deixaron os obxectos persoais e todo canto os meus amigos cargaban: equipaxe, diñeiro, teléfonos móbiles,… Non atoparon os restos, pero a policía brasileira cre que os comeron asados…

Chamos –interrumpiu Teodoro a Silverio, nun errado esforzo por mudar de tema-, a carne xa está. A comer!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *