Frei Luís Iglesias, un franciscano rianxeiro

Frei Luís Iglesias GonzálezPastor Rodríguez. A importancia dos discípulos do santo de Asís na vida piadosa e intelectual do Barbanza é natural se pensamos na presenza dos conventos do Xobre na Pobra, Louro en Muros ou San Francisco de Noia. Xa dende o século XV destacaron figuras como Alonso del Espinar, Alonso Muñoz ou Juan Nieto, e Frei Luís Iglesias González, quen foi un home moi importante na vida da orde dos frades menores, pois en 1830 foi elixido Xeneral de todos os franciscanos. Nado en Rianxo en 1767, profesou no convento de Santiago o 9 de maio de 1783, pasando como colexial a Alba de Tormes en 1790, para ocupar logo os cargos de lector de Artes no convento de Noia, mestre de estudantes en Santiago, de 1799 a 1805, e acadou o grao de doutor en Teoloxía en 1808, chegando a formar parte do claustro universitario. Doutor en Artes en 1814, fora un dos claustrais que recoñecera a José I como rei lexítimo, polo que o acusaron de afrancesado e así separado da cátedra, pero en 1811 xa exercía de novo como catedrático de Lóxica, estando ademais encargado do Arquivo e Biblioteca da Universidade e, aínda hoxe, un Vitor lembra a súa figura nos claustros de Dereito.

Tras ser elixido Xeneral da Orde o 29 de maio de 1830, pasou a residir en Madrid, e logrou escapar da matanza de frades de 1835; pero, ese mesmo ano, faleceu en Aranxuez. Home de escasa obra escrita, en 1814 publicou a Oración, que en la solemne acción de gracias al Todo-Poderoso por la venida y restitución de nuestro legítimo y amado monarca el Sr. D. Fernando Séptimo al Trono de sus Mayores, oración que foi un encargo da súa universidade compostelá a quen antes fora acusado de afrancesado e partidario de José Bonaparte. Certo é que foi home de opinións pouco claras, pois tamén fora castigado polos liberais. En 1823 estaba exiliado en Villafranca, onde era padre Gardián.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *