A emigración dos habitantes de Porto do Son

manuel mariño

Os donos dos barcos facían de intermediarios para captar emigrantes

Manuel Mariño del Río. Aínda que descoñecemos casos concretos sobre a participación da poboación sonense, si sabemos que a finais do século XVIII comezou unha corrente migratoria da poboación galega cara a Portugal, dirixida sobre todo a Lisboa, Porto e ás terras situadas entre os ríos Miño e Douro, durante o tempo da sega ou da vendima, e tamén para traballaren nos portos daquelas cidades como carpinteiros, canteiros ou albaneis.

Na mesma época, e especialmente no século XIX, comezará a ser importante a emigración aos países americanos: Brasil, Arxentina, México… Eran os propios armadores e capitáns dos barcos os que moitas veces actuaban como intermediarios que se poñían de acordo con empresarios americanos para convenceren os galegos en mala situación para buscar en América Latina os salarios que aquí non acadaban. Nos portos galegos situaban axentes coñecidos como ganchos de emigrantes que, clandestinamente, se dedicaban á busca de man de obra.

Daquela primeira vaga migratoria temos constancia da boa posición da que gozou o sonense emigrado en México Roque Yáñez, que faleceu o ano 1787. No seu testamento deixou fundada unha capelanía perpetua e unha novena no altar da Virxe das Dores en Porto do Son.

 Novas ondas

 Posteriormente, novas ondadas levaron a Arxentina, Uruguai, Brasil e Cuba un enorme continxente humano a comezos do século XX. Testemuñas deste tempo foron o sonense Manuel Pérez Fernández que, con 25 anos, emigrou a Arxentina o 29 de novembro de 1906, partindo desde Vigo a bordo do vapor Cataluña, xunto con outros tres mozos do mesmo concello. El, afortunadamente, puido viaxar con algunhas comodidades, pero a maioría quedaban instalados de calquera xeito con escasísimas medidas hixiénicas e sanitarias.

Francisco Piñeiro emigrou á Pampa arxentina en 1909 porque, como deixou escrito, en Porto do Son a xente nova só tiña dúas opcións: pescar ou emigrar. Saíu do porto de Vigo con 15 anos e con el ía outro veciño seu xa afincado alá pero que desta volta viñera buscar a súa muller e os fillos.

Os sonenses emigrados, tanto na Arxentina coma en Uruguai, xuntáronse en sociedades. Así xurdiron as asociacións Hijos del Ayuntamiento de Puerto del Son, fundada o 6 de abril de 1918 en Avellaneda-Bos Aires, ou a Asociación Hijos del Ayuntamiento del Puerto del Son, fundada o 2 de maio de 1919 en Villa del Cerro-Montevideo. Ambas naceron coa idea de unir a todos os nacidos ou vinculados por lazos familiares ao concello sonense.

 Destinos preferidos

 Despois de 1946, os destinos preferidos foron Arxentina e Venezuela, país que daquela acadaba un importante desenvolvemento económico coa extracción de petróleo cru.

A partir de 1960 a emigración cambiou de destino, dirixíndose case exclusivamente aos países de Europa occidental. Tivo dúas etapas importantes: a primeira a partir de 1961 ata 1973, con preferencia por Suíza, Alemaña, Francia Holanda e Gran Bretaña, e unha segunda entre 1973 e 1980.

Finalmente, non podemos esquecer que, ao longo do século XX, foi tamén moi numerosa e importante a emigración interior, atraídos polo proceso de industrialización que experimentaron determinadas zonas de España, como Barcelona, País Vasco ou Madrid.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Manuel Mariño del Río. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>