Albert Mockel

MOCKEL_AlbertRomán Arén. Cúmprense cento cincuenta anos do nacemento do poeta Albert Mockel, quen o fixo preto de Liexa en 1866. Tivo un papel moi importante no simbolismo belga en lingua francesa, aínda que el fose flamenco, sobre todo por medio da súa revista <La Wallonie>. Falecido en Bruxelas en 1945, a súa importancia como poeta reside no período que vai de 1890 a 1915, con obras como Chantefables un peu naives (1891), Clartés (1902) ou La Flamme inmortelle (1906). Foi tamén narrador, Contes pour les enfants d’hier (1908), pero a súa maior importancia veulle por ser o mellor teórico do simbolismo belga, a miúdo co pseudónimo de L. Hemma, en obras como Quelques livres (1890), Émile Verhaeren (1895), Stéphane Mallarmé. Un héros (1899), Charles van Leberghe et Victor Rousseau (1904), pero sobre todo con Les fumistes wallons (1887) e Propos de littérature, esthétique du poéme (1894), esta última reeditada co título Esthétique du symbolisme en 1962 por Michel Otten.

Bélxica é un país novo (1831) relativamente, xurdido do enfrontamento relixioso contra Holanda, o que levou os católicos a unirse por riba das diferenzas lingüísticas, por iso até a Segunda Guerra Mundial catolicismo e francés eran para moitos os símbolos do Estado belga. mockel 3Os valóns eran demócratas, liberais e socialistas e os flamencos conservadores católicos e nacionalistas, xeralizando. Isto explica a elección do francés por parte de varios escritores flamencos, porque o francés era para eles símbolo de progreso (Verhaeren) ou de modernidade literaria (Gilkin, Mockel). Sobre o francés quixeron, pois, construír a “nación belga”, pero con forte resistencia dos flamencos. Mockel deu o papel dinamizador desa cultura francófona á súa revista <La Wallonie> (1886-1893), co protagonismo de Liexa, o influxo francés, ás veces con asuntos flamencos e espírito xermánico. Amigo de Mallarmé, esforzouse Mockel por conceptualizar o símbolo, a carón de René Ghil, na procura dunha especificidade, da orixinalidade do simbolismo belga. Para el o símbolo é analoxía, pero natural e intrínseca, fronte á alegoría, onde é artificial, convencional, extrínseca. É, pois, o simbolismo o terreo da intuición, do inconsciente. Xa dende 1886 andaba á busca dunha definición e en 1887, en La litterature des images, vai pasar do esoterismo á imaxe, unha Imaxe (con maiúscula) despregada sobre unha Idea. Procura do sentido simbólico do que nos rodea, non ter un símbolo e atopar a cousa á que corresponde, nas súas palabras: “O símbolo créase pola cohesión súpeta das formas cando estas se amosan xunguidas e expresan implicitamente a unidade ideal”. Xa que logo, o símbolo nace dunha síntese, intuitiva, alén do racionalismo do gran mestre, Mallarmé.

Sen Mockel a comprensión do Simbolismo estaría incompleta. Ninguén foi tan claro na súa explicación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *