Deus Xesusiño

virgen 1X. Ricardo Losada. O outro día tiven un problema que moita xente considerará frívolo, pero que a min me parece da máxima relevancia. Escribindo un artigo no que mencionaba o cadro La virgen con el niño y san Juanito, xurdiume unha dúbida: Dicir San Juanito é unha contradición nos termos ou unha tautoloxía? Para aqueles escépticos que consideredes que, así suscitado, non é máis que un problema escolástico, recordareivos que no Rijksmuseum da moi civilizada cidade de Amsterdam acaban de decidir cambiar os nomes dos cadros que fosen ofensivos ou que apelaran á raza, a relixión ou a certas diferenzas físicas. Moza negra, por exemplo, pasará a ser Moza con abanico. Se vos fixades ben, o título La virgen con el niño y san Juanito, ten varios dos estigmas que a sensibilidade actual rexeita. Primeiro, atenta contra a intimidade da muller representada: a quen lle incumbe que sexa virxe? Consta nalgún contrato que a señora lle dese permiso ao artista para tal revelación? Segundo, é claramente ofensivo para a dignidade dun neno chamalo en diminutivo (Juanito), como se simplemente fose un adulto incompleto (un Juan en potencia) e non tivese entidade propia. Terceiro, é irreverente. Se aceptamos que Xoán Bautista xa era santo de neno, poñemos a Deus nun aperto. Xa que é omnisciente, e pode ver simultaneamente toda a vida dunha persoa, como tería que chamalo, Juan ou Juanito? Non digades: Vaia problema, Juanito, de neno, e Juan de adulto, porque non pode ser. Deus vive na eternidade, e na eternidade non hai antes e despois.

 virgen2    Pero non era a perspectiva ética do problema a que quería tratar senón a lóxica. Dicir San Juanito, é unha contradición nos termos ou unha tautoloxía? Vexamos. Se o analizo desde o punto de vista da miña historia persoal, debería dicir que é unha contradición nos termos.  Se é santo non pode ser ito, pois un santo é na imaxinación de calquera persoa un adulto. Sabíano ben meus tíos. A todos lles puxeron nomes en diminutivo (Finita, Marinita, Conchita, Susito, Cesarito…) e renunciaron a el de adultos. E se é ito, pola mesma razón, non pode ser santo. Para máis, o uso do diminutivo non estaría xustificado. Un Juan de cinco anos só sería Juanito se de súpeto perdese tamaño. Diminuírlle o nome porque aínda non ten o tamaño dun adulto que nin sequera sabemos se existirá é absurdo, mesmo lle poderiamos estar creando un trauma se, por calquera circunstancia (unha desas enfermidades raras, poño por caso), ese neno non chegase a medrar. E non deduzades que estou pedindo o xenocidio dos diminutivos e apuntándome á moda do politicamente correcto. Non. O único que pido é un uso preciso e non discriminatorio. Pareceríame moi lóxico, por exemplo, chamarlle Nicolasito ao ex presidente francés Sarkozy, pero só cando saca os tacóns ou baixa da banqueta escondida que usa nas roldas de prensa.

     Se analizo San Juanito desde o punto de vista lingüístico, observo, máis ben, unha tautoloxía, sempre, claro, que o diminutivo teña esa connotación cariñosa que, ademais do tamaño, a gramática lle concede, e que meus tíos (precisamos máis afecto os adultos que os nenos) debían ignorar. virgen 3Se unha persoa é santa, é boa, boísima, cae de caixón, e a alguén tan bo só lle podemos ter cariño. Tratalo de ito é empachoso. Chamarlle Juanito a aquel xogador do Real Madrid que era un demo de persoa pero que se facía querer polo infantil que era, tiña un pase gramatical, chamarllo a un santo para demostrarlle afecto é redundante. Dicirlle á parella Quérote ten sentido porque, normalmente, non namoramos dunha persoa polos méritos que ten, senón por inextricables e inmorais razóns. Pero chamarlle don Pedro a alguén e deseguido dicirlle Respéctoo é de pelotas. Sexamos sinceros. Alguén lle chamaría Xesusiño a Xesús neno? Pois claro que non. Créndolle que é Deus, xa El sabe que ten todo o noso cariño, e diminuírlle o tamaño sería blasfemo: como vas diminuír o tamaño dun Ser ubicuo? Concluíndo. La virgen con Dios Jesusito, non sería un título absolutamente ridículo?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *