O “caso” Pessoa

fernando pessoa1Fidel Vidal. Fernando Pessoa é un caso en calquera das acepcións da palabra (“Este neno é un caso!”). Mesmo un caso clínico. Así considerouno el mesmo co propósito de resolver o enigma dos seus heterónimos. Mais, para sermos xustos, non hai caso clínico que descubrir na heteronimia de Pessoa. Trátase dunha “simple loucura” como acontece quizais con toda a literatura, porque “a literatura, como a arte en xeral, é a demostración de que só a vida non basta.”

Ao preguntar sobre a xénese dos heterónimos, comezando “pela parte psiquiátrica”, o propio Pessoa, influído pola teoría da “dégénérescence”, afirma: “A origem dos meus heterónimos é un profundo traço de histeria que existe en mim. Não sei se sou simplesmente histérico, se sou, mais pròpriamente, um histero-neurasténico. Tendo para esta segunda hipótese, porque há en mim fenómenos de abulia, que a histeria, prôpiamente dita, não enquadra no registo dos seus sintomas. Seja como for, a origem mental dos meus heterónimos está na minha tendência orgánica e constante para a despersonalizaçao e para a simulação. Estes fenómenos -felizmente para mim e para os outros- mentalizaram-se em mim; quero dizer, não se manifestam na minha vida prática, exterior e de contacto com outros; fazem explosão para dentro e vivo-os eu a sós comigo. Se eu fosse mulher -na mulher os fenómenos histéricos rompem em ataques e cousas parecidas-, cada poema de Álvaro de Campos o mais histèricamente histérico de mim) seria um alarme para a vizinhança. Mas sou home -e nos homes a histeria assume principalmente aspectos mentais; asim tudo acaba en silêncio e poesía…”

fernando pessoa2O eu, o Eu, é o síntoma por excelencia. “Esta tendencia, que me vén desde que me lembro de ser un eu, acompañoume sempre”. “Un día -8 marzal 1914- achegueime a unha cómoda alta e, tomando un papel, empecei a escribir, de pé, como escribo sempre que podo. E escribín trinta e tantos poemas dun tirón, unha especie de éxtase que non sei definir”. Nace O guardador de rebanhos de Alberto Caeiro, a quen Pessoa considera o seu mestre. Quen escribe? O Eu? O Iso? A poesía sempre é unha pregunta polo eu.

A súa biografía terminará sendo unha invención (inversión) ao se converter “nunha das obras da súa obra”, di Octavio Paz, para quen “toda obra de Pessoa é unha busca da identidade perdida.” Perdeuse realmente unha identidade? O poeta non pode saber quen é, nada pide e só entrega: “o poeta é todo concesión” (María Zambrano).

A persoa máis auténtica, agás a dos soños e cando se disfraza, nace nas horas libres, nas ocasións en que é libre ou se sinte libre. Antonio Tabucchi teno ben claro: “Datos biográficos daquel que foi a ficción dun impostor idéntico a el mesmo: é dicir, Fernando António Nogueira Pessoa, fillo de Joaquim e Madalena Pinheiro Nogueira, empregado a media xornada como tradutor de cartas comerciais en empresas lisboetas de importación e exportación. Nas horas libres, poeta.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *