Antón Riveiro Coello. O ribeirense Fidel Vidal, á parte da súa vida profesional de psiquiatra, desenvolve o intenso labor intelectual dun artista múltiple. Pintor recoñecido, poeta (A camelia oxidada) e ensaísta (Anatomía da emoción poética, Arte da esquizofrenia ou O sol da tristeza), toca agora un novo pau con esta interesante novela. O título pode levar a erro porque esta non é unha novela negra, aínda que entre nas partes máis escuras do ser humano. Amador, un profesor, hipocondríaco, marcado pola figura severa do pai, está casado con Marta, unha administrativa que traballa nunha empresa. Os dous, que asisten á enfermidade e morte de Paula, a súa única filla, xusto cando esta comezaba a súa tese de doutoramento, dividirán a novela en dúas partes con cadansúa voz, nunha reflexión adoecida que ten algo de exorcismo ou de análise psicolóxica. O autor pon o foco sobre estes dous seres feridos e déitaos no diván para que nos falen con franqueza da súa dor, dos conflitos familiares, dos medos, do amor e, sobre todo, da enfermidade e da morte. Fidel Vidal sitúa o lector no mesmo cerne da traxedia e consegue unha novela, ao meu ver, moi recomendable.