Che Tembra. A arte de domear o ferro

cheEme Cartea. En Galicia encantada. O país das mil e unha fantasías, lemos que «Galicia é un país habitado por homes e mulleres de carne e óso, pero tamén por seres que bolen nun mundo fantástico ou encantado, tan real coma o noso». Así, nunha das varias lendas que corren, a estirpe dos Mariño procedería da illa de Sálvora. Un bo día, o conde-duque don Froilaz, navegante destas tormentosas augas costeiras, naufraga e é rescatado do mar por unha fermosa e boa serea. Nace o amor entre Mariña e o cabaleiro, e teñen un fillo, Xoán Froilaz Mariño -rexistrado na historia de Galicia-, que dá orixe á liñaxe.

Cando se funda a Asociación Cultural Barbantia, no 2005, aparece a necesidade de crear un logotipo e un emblema propio. O artista Francisco Blanco Alcaide quere que encarne terra, mar e pensamento; de aí xorde a imaxe do mar e a montaña e do rostro de Aristóteles -que representa o amor pola sabedoría-, e tomou forma deinitiva no actual sereo, simbiose de home e peixe que nos identifica como barbantiáns, e que na ría de Arousa se deixa ver a miúdo e acompaña os mareantes nos luscofuscos de cada serán como bo augurio de pesca.

Dende entón, o corazón da serea arousá, dona Mariña, antes nostálxica e soa sen o seu Roldán (outra lenda), bate feliz na noite estrelecida das cálidas atardecidas, ao pairo dos ventos, na máxica illa, «amada dos vellos deuses, mortos e esquecidos xa, que Sálvora lle chamaron, afeitos nela a atopar repouso doce e tranquilo de celestiais afáns».

Home perfeccionista

Nesta obra, o escultor Che Tembra reproduce o símbolo da nosa Asociación. E faino xa cun longo pasado de domeador do ferro ás costas, en plena etapa de consolidación da súa linguaxe orixinal, e abordando a madurez artística. Un home perfeccionista de seu, capaz de renovarse en cada martelada de zafra, como está a amosar nas últimas propostas que innovan nas calidades matéricas e expresivas do ferro: variada oxidación, diferentes texturas, contrastado cromatismo.

Por iso segue o Che Tembra a sorprendernos coas súas férreas actitudes éticas e estéticas. A sinxeleza gráfica e conceptual de motivos e perfís encerra unha abraiante forza simbólica e vibratoria: os seus retratos buscan a expresión psicolóxica, o trazo caracterolóxico, a especificidade dos sentimentos, o poder do compromiso.

A materia cobra, nel, nova vida; convértese en xénese de formas e cor; acouta territorios e conceptos, sementados de referencias significativas e expresivas. Un diría que son cadros tridimensionais onde a liña e a mancha cartografan os accidentes que acaparan o lenzo e domean os seus límites e as súas orografías metalizadas. Unha forma de ordenar o caos e retrotraelo a imaxes de sinxeleza e comprensibilidade. Un xogo de acumulación e depuración sutil ao servizo da ensoñación poética.

Os sereos… Entre o mito, a lenda e a ficción. Pero habelos hainos…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *