Unha bolsiña grande

bolsiña1X. Ricardo Losada. Pousei a compra e, como nese Super venden bolsas, grandes e pequenas segundo a súa terminoloxía, pedinlle á caixeira unha bolsiña. Ela, como fai sempre, preguntoume: Grande ou pequena? Xuro que, a pesar de morrer de ganas, nunca lle dixen Pequena, claro, pedín unha bolsiña, ou é que tendes bolsiñas grandes? Son usuario de autobús e teño levado contestacións do condutor que, por moita filosofía que estudara, sempre me deixan sen palabras. Así que tiña claro que se corrixía a aquela caixeira diríame algo así como: Oes, que non son alumna túa, a min non me corrixe nin meu pai. Ou: Pois si, temos bolsiñas grandes e bolsóns pequenos, ou, tan listo como es, non sabes que os tipos altos teñen a pirola pequena (eu son alto), e os tipos baixos, grande? Ou: Que queres, traballar aquí o que non traballas no instituto? O que me faltaba por aturar aos 30 anos, un profesor que me corrixa. Non. Nunca se me ocorreu corrixila.

     Pero o martes pasado tiña un día experimentador (ghodón, dito en prata) e pedín unha bolsiña grande. Nun primeiro momento temín (ata onde chega a deformación profesional) que a caixeira me corrixise. Pero fixo algo peor. Pediume que me aclarase. Quería unha bolsa pequena ou unha bolsa grande? Porque grande e pequena ao mesmo tempo… Carallo, pensei, a tipa sabe que bolsiña é unha bolsa pequena, e aínda así… Díxenlle que todos os días pedía unha bolsiña e ela preguntábame se grande ou pequena. Simplemente tiña curiosidade por saber como eran as bolsiñas grandes. bolsiñaPois vaia manía, retrucou, o lóxico sería que quixeses saber como son as bolsiñas pequenas. Iñas, engadiu, diminutivo, cóllelo? Puxen cara de Non vou coller, e concluíu: Bolsiñas pequenas temos, por suposto, pero bolsiñas grandes, a quen se lle ocorre?

     Por temor ao fantasma do condutor de autobús (desculpas a ese gremio pola inxusta xeneralización), fixen mutis polo foro, e marchei fantasiando coa resposta que lle debería ter dado a aquela caixeira para deixala no seu sitio. Pois menos mal que non o fixen. Porque, xa na casa, lendo un artigo sobre a nanotecnoloxía, esa especialidade que controla e manipula a materia a escalas da milmillonésima parte do metro, comprendín que non había redundancia ningunha en dicir bolsiña pequena. Unha bolsiña pode ser pequena, e non só pequena, pequenísima, mesmo infinitamente pequena. O día seguinte volvín ao supermercado e, sen agardar que me preguntase, pedinlle á caixeira a bolsiña máis pequena que tivese. Deparoume un sorriso sublime, e despediume cun inédito Que teña bo día que me fixo ir para a casa convencido de que a nanotecnoloxía ía cambiar, e para ben, o mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *