Cousas de nenos

cousas de nenosRomán Arén. A partir de 81 estampas «de nenos», publicadas por Castelao entre 1922 e 1932, artellaron Diana Vilas e Óscar Rodríguez o seu traballo de investigación e, para iso, foron ás publicacións orixinarias, pois estas Cousas da vida apareceron nos xornais Galicia e Faro de Vigo, polo demais ideoloxicamente contrapostos. Foron unha achega fundamental de Castelao á creación dunha conciencia de nós, para que vísemos os nosos problemas políticos, sociais, educativos, lingüísticos e culturais, co afán de mellorar o noso futuro. E conseguiu dar un valor universal ás súas estampas partindo dunha arte sinxela, popular, no senso profundo e positivo, poñendo o acento no esencial, no aspecto expresivo.

Todo isto logran facelo evidente os autores nun traballo serio, pero claro e lexible, que contextualiza a obra de Castelao a partir dos capítulos dedicados á infancia na arte, a outras visións da infancia galega e a dilucidar o ideario artístico do rianxeiro, unha arte a súa expresionista, enraizada e «verdadeira», un logro difícil de arte e verdade.

As estampas das Cousas de nenos reflicten tipos, non individuos, nunha axeitada síntese de imaxe e texto complementarias. A obra está prologada por outro especialista na obra do rianxeiro, Valeriano Bozal, o autor de Sátira y tragedia: Las imágenes de Castelao, editada por Díaz Pardo en 1987.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *