Un barbancés na Gran Sabana (VII)

cap 7aAlberto Piñeiro. Rematado o xantar, Silverio, que chegara a Valle de la Pascua había máis de tres décadas procedente de Aveiro, amosoume un tríptico turístico do fronteirizo estado brasileiro. Nel aparecían fotografías e descricións dalgúns dos lugares máis atractivos para o visitante: a illa de Maracá, o monte Caburaí, o lago Caracaranã, a cachoeira de Urucá, o impresionante tepui Roraima ou a Pedra Pintada, un enorme outeiro situado na reserva de San Marcos, semellante en certa medida aos que repousan a carón das sobreiras en San Lourenzo, pero de proporcións xigantestas, no que puxen especial atención, pois nos seus gravados, estudados por primeira vez polo investigador francés Marcel Homet no ano 1950, quixen ver algunha concomitancia cos meus queridos dende neno petróglifos de San Ramón, e pensei por que non facer deles un atractivo turístico prezado polo pobo, tal como os indíxenas de Amajari, o municipio no que se asenta o penedo, fixeron súas, respectan e aman aquelas pinturas ancestrais; e engadir nese tríptico os petróglifos dos Petóns do Castro, de Fonte Sobreira, da Foxa Vella, da Lagoa de Muro, do monte da Gurita, da Pedra das Cabras, da Misarela, e tantos outros que nos habían contar milleiros de historias se os soubésemos ler. E pensei que ese tríptico podería abranguer un territorio non condicionado pola miseria dos localismos. E mentres pensaba tamén puiden ler que os indíxenas da Gran Sabana non distinguen entre brasileiros e venezolanos, pois considéranse membros dun só país, e saben que son os mesmos porque comparten a mesma cultura. E pensei nos galegos que viaxan a outra parroquia e cren que están no estranxeiro. E anegoume por un intre a tristura. Pero pronto un fío do discurso de Teodoro fixo que se arredasen as nubes.

-… Entón o tipo petou na porta da camioneta e preguntounos se tiñamos Viagra, que necesitaba catrocentas ou cincocentas caixas… Igual pensou que viñamos de turismo sexual á Gran Sabana… Ha, ha, ha!… Pódelo crer?

-Creo, Teodoro  –asentiu Silverio sorrindo-. A vida na mina é dura, dalgún xeito teñen os obreiros que aseguraren a diversión na fin de semana… Ademais, en Santa Elena págase un sobreprezo por calquera produto. Igual o chamo ía revender o que lle trouxérades, sexa o que for. Ten en conta que para que un camión de mercadorías chegue aquí debe atravesar toda a meseta…

-E pasar por Las Claritas… –Engadiu Teodoro.

-… Así é… Pasar por Las Claritas de día –confirmou Silverio-. Coido que o meu peor pesadelo é atravesar Las Claritas de noite e pinchar un caucho no medio do casarío. Por certo, aí é onde viven ou paran moitos dos que consumen a Viagra que vos pediu o Jackson.

-E digo eu –comentou Teodoro-, habendo tantos remedios indios para iso e tanto indíxena por aquí, non sería preferible que o tipo visitase algunha comunidade na procura dun elixir repoñedor natural?

-Noutrora quizais sería unha opción –aclarou Silverio-, pero na actualidade os indíxenas da Gran Sabana son donos de minas de ouro, as súas propiedades están protexidas por leis de ámbito nacional, viven mellor ca en ningún outro lugar de Venezuela, aprenderon a explotar o turismo, son comerciantes,… Seguramente lle venderían a Viagra a un sobreprezo maior…

-Igual me convén mudarme… A fin de contas polas miñas veas corre sangue indíxena… –Dixo Teodoro-… Pero non me constan devanceiros canibais…

cap 7bTal e como prometera, tralo xantar Silverio acompañounos ao paso fronteirizo, onde puidemos cruzar sen sequera baixar do vehículo nin presentar o pasaporte, para coñecer Pacaraima. En efecto, a capital do municipio tiña un tamaño inferior ao de Santa Elena, pero non escaseaban os negocios, incluída unha versión vernácula dos buhoneros, nin tampouco os carros, en terminoloxía criolla, de máis variedade e máis novos ca os que conforman o parque automobilístico da veciña cidade venezolana. Ao saír do centro urbano chamoume a atención unha finca estrada de invernadoiros nos que o sol reflictía os seus raios. Non os vía dende que deixara Galicia (os primeiros, que dos segundos non tiven queixa en toda a miña estadía na República Bolivariana). Por un intre sentinme en Bico de Mar ou Padrón, máis ben neste último, pois debaixo dos plásticos medraban pementos, ademais de cebolas, tomates, chícharos, leitugas e repolos, entre outros legumes. Afectado polas reminiscencias da terra, pregunteille a Silverio se sabía se o dono da finca era de orixe galega, pero el aclaroume que se trataba dun xaponés que gustaba de comer orgánico… Pasamos despois a carón dun cartel que anunciaba a presenza de “atrações culturais, comidas típicas e exposições artísticas” no marco da III Fronteira Cultural, coas bandeiras de Brasil, Guyana e Venezuela no centro da imaxe. Procurei en Google Earth a nosa ubicación exacta e decateime de que nun momento da viaxe a través da troncal 10, sen que nolo delatara a presenza de ningunha alcabala ou control policial, incursionáramos na veciña Guyana. Daquela fun plenamente consciente do afastado que estabamos de case todo, incluído o coche de Google, e congratuleime de poder ser partícipe dunha excursión tan fascinante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *