U-los linces galegos?

linceFernando Losada Rodríguez. En Galicia (e arredores) temos a enorme sorte de contar con varias especies endémicas, é dicir, que só se atopan na nosa terra; un exemplo: a saramaganta (Chioglossa lusitanica, en castelán «salamandra rabilarga»), o único anfibio da península ao que lle volve medrar a cola cando a perde, como as lagartas. Na Illa de Ons hai unha especie única de xesta (Cytisus insularis). Pero sexamos sinceros: ningún dos endemismos de Galicia superará xamais a popularidade do lince ibérico (Lynx pardinus) que, ata hai pouco tempo, cazou na nosa terra.

Todo comezou nas Idades de Xeo (en plural, xa que foron varias glaciacións), cando a baixada das temperaturas fixo medrar pouco a pouco os glaciares do Ártico; tanto, que as faunas e floras de Europa Central movéronse ao sur, quedando engaioladas en penínsulas (como a Ibérica) separadas por montañas. Cando subiu a temperatura, algunhas especies (como os abetos) quedaron nas montañas, mentres que outras adaptáronse á calor. Os linces da península, ao non reproducirse cos seus parentes boreais de Europa e Asia, formaron unha especie máis pequena e adaptada ao novo clima.

Que precisa un lince ibérico para vivir? Aínda que tamén caza crías de cervos, patos e perdices, é o único mamífero do mundo especialista en cazar coellos (outro animal propio da península Ibérica, e estendido polos humanos por todo o mundo). Os coellos escóndense en matogueiras (e nada mellor que os toxos e xestas de Galicia). Pero, ademais, é preciso un amplo territorio de caza (10 quilómetros cadrados) no que atopar suficientes presas para poder sobrevivir. Iso é francamente complicado nunha terra como a galega, chea de pequenos terreos valados, e atravesada por estradas e vías do tren que este animal ten moito medo de atravesar (e, cando o fai, pode ser atropelado).

Aínda que houbo quen dixo ter visto o lobo rapaz, tigre ou lubicón (como tamén se lle chama aquí a este depredador) ata 1997, o derradeiro avistamento por un especialista foi en 1985, cando o zoólogo da Universidade de Montana, Anthony Clevenger, viu un exemplar xunto ao Castelo de Doiras, en Cervantes. Serra de Enciña de Lastra, o Xurés, os Ancares? son varios dos lugares onde houbo ou podería volver haber poboacións deste animal, pero seica non por moito tempo, xa que o lince ten outro grave problema: a endogamia.

Aínda que a explicación xenética daría para outro artigo, para que subsista unha poboación de 15 individuos (coma a que se calcula que hai en Castela?La Mancha), teñen que ter crías; pero nunha ou dúas xeracións, a única posibilidade que ten un macho de buscar parella é entre as súas irmás ou curmás, o que non é moi aconsellable: as súas crías poden ter malformacións ou graves problemas de saúde.

Non me entenda mal, querido lector: é un feito que o lince ibérico estase a recuperar, e por iso deixou de estar «en perigo crítico» (a única especie de felino do mundo con esta categoría) para estar só «en perigo». Pero sen un grande aporte de medios económicos e materiais por parte da Administración, e unha educación da xente sobre os beneficios que ten a volta deste tesouro a Galicia, se volve o lince non será por moito tempo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *