I am ERROR

errorLois Agrelo Arxóns. [ERROR 404: Not Found] Perdido. Está todo perdido. Calquera curso de acción resultaría inútil, un gasto da pouca enerxía que queda. O único lóxico é agardar o final. Estes son os últimos minutos. Polo menos quedarán rexistrados. Pero tampouco servirá de nada. Pronto todo isto non será máis que un vago recordo. Con sorte, quedará unha marca que significará algún tipo de legado, probablemente indescifrable, para os que quizais nunca veñan despois.

[ERROR 400: Bad Request] Ao apagarse e perder os electróns que circulaban, alleos ao perigo, a memoria desaparece sen deixar rastro. Como cando abres os ollos. Perdido. Causa perdida. Que facer cando non queda nada que facer? Se mesmo Deus tira a toalla.

[ERROR 500: Internal Server Error] a situación supera calquera control e só queda contemplar o resultado dunha cadea que leva xerándose dende o principio dos tempos. Se alguén está observando dende algún lugar do Universo, estará dubidando se está sendo testemuña dunha comedia ou dunha traxedia (os estándares universais da literatura establecidos por Aristóteles están vixentes en todo o Universo coñecido e nas sete dimensións extra que precisa a realidade para existir). A mímese é perfecta pero resulta estúpida vista cunha perspectiva na escala dos anos luz atravesando eóns. O Universo é indiferente. A antimateria puido gañar a partida perfectamente, cerrando a posibilidade da propia existencia.

[ERROR 502: Bad Gateway] Pero xa pasou antes, é o conflito identificado polos humanos como o Ben contra o Mal. Vitoria. Creouse vida, evolucionamos até que puidemos cuestionarnos a nós mesmos e chegamos a observar o propio Universo, mirándoo directamente aos ollos e tratando de desentrañalo coma se fose un reloxo de peto ou comprendelo como unha nai intenta comprender a perrencha do seu rapaz pequeno, só para destruílo todo nun ciclo infinito tamén coñecido como Ouroboros. E despois de todo, segundo a lei de dexeneración da enerxía.

[ERROR 408 Request Timeout] todos imos rematar nunha `heat death?,convertidos en residuos de calor sen valor ningún.

[HARDWARE FAILURE] Sísifo cánsase de empuxar a pedra. De feito, o Universo só acelera a súa morte (quere suicidarse?) creando formas de vida que transforman e consumen esa enerxía.

[FATAL KERNEL ERROR]. E entón alguén preme Reset. Boom. [Rebooting. . .]

Unknown Error. Press left mouse button to continue. Guru meditation.

Perdido. Está todo perdido.

Continue? YES NO

Esta entrada foi publicada en Lois Agrelo Arxóns, Narrativa. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>