De nobres e burgueses

lospazosdeulloa-serieFrancisco Ant. Vidal Blanco. A Xulio e Xoana Salgueiro úneos unha vella amizade desde os tempos en que xogábamos á queda e se agachaban debaixo dunha dorna deitada quilla arriba, onde, sen que ninguén os molestase pasaban as horas falando das súas cousas, esquecidos do xogo e dos amigos ata que nos aburríamos e os deixábamos por imposibles.

Lectora precoz, ela foi quen nos recomendou La Casa verde e Cien años de soledadLas ratas ou La tesis de Nancy, recitándonos parágrafos enteiros que nos seducían e abriron os ollos a todo un mundo de realismo puro e duro, aínda que algúns queiran ver nel non sei que de máxico e fantasioso. Xulio aínda lembra unha daquelas verbenas de verán en que volvíamos á casa competindo por ver quen máis bailes botara, e na que eles pasaron toda a noite discutindo non sei que sobre Xoguetes para un tempo prohibido, de Carlos Casares, cando ningún dos dous cumprira aínda os vinte anos. Por iso, recoñece Xulio, cando ten algunha dúbida ou necesita algunha lectura acude a ela, quen sempre o sorprende coas súas opinións e recomendacións. Ás veces discuten por cousas tales como se o presente é un elo entre o pasado e o futuro ou se se poden deseñar novas metas rompendo coa inercia que arrastramos coma quen xira a chave do arranque para mover un coche parado.

Estoutro día, cando el andaba preparando algo sobre a Revolución Industrial e a burguesía saída do rescaldo que deixou o Antigo Réxime, ela, que é unha apaixonada da novela española do XIX, faloulle da grande diferencia que atopa na descrición da sociedade daqueles anos entre escritores como a Pardo Bazán e Blasco Ibáñez, cando os vellos costumes foron golpeados polos ventos do modernismo, e o feudalismo que sobrevivía criando unha sociedade ociosa á conta do semi-escravismo da maioría, sentiu o sopro das novas propostas; e mentres a nobreza galega de Los pazos del Ulloa ou das Comedias Bárbaras nunca luxaban as mans nin para arrincar unha mazá da maceira, na de Blasco Ibáñez de Los muertos mandan, o nobre reconvértese en burgués que non dubida en deixar ó lado o que dirán para casar por amor e non por conveniencia, así como empregar cartos e mans en novas fontes de ingresos, no comercio e na industria sobre todo, mentres os señores feudais da nosa contorna preferían ter o campo a monte, para poder cazar e folgar antes ca converterse en vulgares comerciantes.

Xoana aínda vai máis aló e faille ver en que veu dar aquilo que os escritores naturalistas mostraban,  máis de cen anos despois da introdución da máquina de vapor en fábricas e  teares, e como mentres nós só podemos presumir (de momento) dun emporio téxtil en Arteixo e dun montón de chatarra que ninguén quere ó lado do mar de Ferrol e de Vigo, moitas outras empresas que supoñíamos punteiras e nos facían ter esperanzas de futuro, foron vendidas a matrices foráneas, e as poucas que quedan sempre están na prensa con anuncios de precariedade e propostas de peche inminente. Por non ter, di ela, xa non temos nin señores feudais a quen culpar de converter a Galicia nunha sucursal de todo e propietaria de nada, nin unha Pardo Bazán que nos conte e nos preveña contra o peche de tantos pequenos talleres de costura como había en Sabón antes de perder o auspicio de Inditex; ou por que a Aluminios lle poden facer unha rebaixa no recibo da luz, mentres os salarios non dan para pagar a calefacción nin mercar camisetas de baixo coste.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *