Tralos pasos de Alexander Von Humboldt (I)

Humboldt 1aAlberto Piñeiro. A finais do mes de febreiro do ano 2013, aproveitando uns días de vacacións que fixemos coincidir meus cuñados Marcos, Adriana e Giovanni e mais nós, o matrimonio Piñeiro Morao, decidimos poñer rumbo á Cova do Guácharo, rememorando unha parte da viaxe que había máis de douscentos anos realizara Alexander von Humboldt polo novo mundo, nun percorrido que comezou na Capitanía Xeral de Venezuela e que comprendeu, ademais, partes das actuais Colombia, Ecuador, Perú, México, Cuba e os Estados Unidos.

Gusto de pensar que Friedrich Wilhelm Heinrich Alexander Freiherr von Humboldt, cuxo nome nos condiciona a crer que debeu ser neno de bo berce, como era o caso, tiña algo en común comigo (ou eu con el, por rebaixar a fachenda xa medrada de máis): os dous nacemos en terras teutonas, malia que el o fixese no Sacro Imperio Romano Xermánico na época de Federico II O Grande, e eu na República Federal de Alemaña en tempos do muro de Berlín; aos dous nos apaixona a etnografía, a xeografía, a botánica, a astronomía, a ocenografía, a xeoloxía, a vulcanoloxía, a antropoloxía e o humanismo, se ben el escribiu sobre todos eses temas e eu sobre ningún; os dous viaxamos de Galicia a Venezuela para coñecer o novo mundo, aínda que el o fixo en barco partindo d´A Coruña, con escala nas illas Canarias, onde lle deu tempo a ascender o Teide, e eu en avión dende Vigo, con escala no aeroporto Charles de Gaulle de París, onde case perdo o voo transoceánico; el creou palabras que adoptou a comunidade científica internacional e que, nalgúns casos, usa incluso a xente do común, como xurásico, isotermas, isodinámicas, tempestade magnética,… e eu tamén inventei a miña terminoloxía… que utilizo eu só… En definitiva, non somos exactamente iguais, pero contamos con certas similitudes… Unha delas foi ter chegado a Cumaná, a cidade máis antiga fundada por europeos en América do Sur, condición pola que se coñece como a “primoxénita do continente americano”, sobrenome que comparte co de “Atenas venezolana”. O da capital do estado Sucre foi o primeiro porto do novo mundo que pisou Humboldt logo de partir da cidade herculina; no meu caso, arribei procedente de Puerto La Cruz, pola estrada que bordea a costa e atravesa sucesivamente Guanta, Santa Fé, o Parque Nacional Mochima e Barbacoas, comunicando os estados de Anzoátegui e de Sucre. Outra das concomitancias é que os dous visitamos en Cumaná o castelo de San Antonio de la Eminencia, aínda que nisto coincidimos ambos con José Antonio Páez, ilustre xeneral venezolano e ata por tres veces presidente da república, se ben Humboldt residiu na fortaleza como eximio hóspede, o xeneral Páez como preso e eu inspeccioneino na simple condición de turista.

Humboldt 1bUnha das experiencias máis tétricas que sufrín no interior do castelo de San Antonio foi coñecer o seu cárcere. E digo tétrica pola pseudoetimoloxía que se pode establecer entre ese adxectivo e o xogo do tetris, pois certamente era difícil para un ser humano, incluso encollido, introducirse e encaixar nalgunha das celas nas que recluían os prisioneiros. Á angostura do espazo cómpre engadirlle a ausencia de fiestras, co que o lector pode imaxinar como se puido sentir o narrador omnisciente en primeira persoa deste relato cando por un intre o guía pechou a porta e apagou a moderna versión dos fachos. Melanoclaustrofobia sería pouco dicir.

Outro dos lugares do castelo frecuentados polos visitantes é a terraza superior, da que desapareceron as estancias que noutrora se erguían sobre ela, derrubadas polos terremotos que nos últimos séculos golpearon a cidade, ficando só a estrutura de estrela de catro puntas engalanada con canóns arrebatados aos piratas que algunha vez intentaron tomar a cidade, así como as garitas de cúpula de media laranxa que, malia a diverxencia nos estilos arquitectónicos, me lembraron ás da Torre do Pazo de Goiáns, ese magnífico edificio dende cuxo cumio se observa unha das mellores panorámicas da baía de Barraña, co esteiro do Coroño e os piñeiros do monte Condón, antigo complexo dunar, en primeiro plano. Dende o castelo, porén, erguido sobre a colina chamada Pan de Azúcar, albíscase un mar que se arreda cada día, tornándose imposible para uns hipotéticos canóns operativos alcanzar as naves que procurasen asaltar as actuais praias de Cumaná.

Após refrescármonos coa brisa caribeña e contemplar dende as ameas o golfo de Cariaco e a península de Araya, así como a desembocadura do humilde río Manzanares, entre o porto e o terminal de ferrys, e os tellados das urbanizacións que agromaron entre a fortaleza e a costa, pagamos a vontade ao noso guía e baixamos ata o aparcadoiro, para buscar un lugar onde repoñer forzas antes de continuar a ruta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *