Pessoa: O suxeito como obra de arte

pessoa1Fidel Vidal. (Oh, non creades na unidade do home! Dostoiewski). Fernando Pessoa é unha das evidencias onde un especial tipo de alienación trócase xerme de liberdade: da liberdade do home en horas libres. Porque nas outras horas, nas horas chamadas de traballo ao servizo doutros, o autor non é libre: vive alienado nun labor alleo ao seu proxecto, alienado na rutina social do traballo. O mesmo Flaubert, cunha vida bastante máis doada cá de Pessoa, con todo o tempo para el, ambicionou e orientouse cara a unha “especie de misticismo estético”, queixándose de que o mundo exterior era “noxento, abafante, depravado e brutal”.

Se o quefacer laboral e oficial polo que Pessoa cobraba un salario resultaba alienante, era precisamente durante as horas libres cando el se sentía libre. Nunca mellor usadas as palabras horas libres, tan temidas hoxe en día por tantas persoas necesitadas dun programa ou dalgunha asociación de recreo onde se ocupar. Libre para a creación, para a creación poética, esa actividade debido á que, segundo o propio Pessoa, mesmo precisou dunha avaliación psiquiátrica.

O feito de padecer unha hepatite ou a desgraza da perda do pai, non converte a ninguén en nada de interese, agás vivir a desgraza da enfermidade ou da perda. Ninguén se fai autor polos traumas infantís padecidos. Ninguén se converte en poeta ou músico ou  mecánico por mor dun fracaso escolar ou das reprimendas do pai ou polo nacemento dun irmán, mais pode establecer un xeito de facer, dar unha cor distinta á percepción da existencia. Algo semellante puido acontecer en Pessoa. Determinados poemas, tan estreitamente ligados a estampas vitais na biografía do poeta, non se  xustifican como meras coincidencias.

pessoa2Segundo Luciano Rodríguez, no dicir pessoano Poesía e Filosofía conflúen nunha expresión poética abondo singular que tería “a súa orixe na crise do coñecemento que se produce a finais do século XIX e nos comezos e prolongación do século XX”. Ao igual que outros dos seus coetáneos –T.S. Eliot, W.B. Yeats, Paul Valéry, James Joyce ou Ezra Pound-, “foi un obseso investigador da realidade do Coñecemento”.

Pessoa é quen, ao final e ao principio, de nos dicir sempre a última palabra. Palabra pessoana emitida desde o finximento, a maneira máis veraz de a dicir, porque el é o seu dono e a palabra dona del. Pois é de finximento de que vai a cousa. Finximentos de identidades a nos remitir a cada pouco á mesma orixe: a si mesmo.  “A identidade non é unha relación inofensiva consigo mesmo, senón, un estar encadeado a si mesmo. O comezo está cargado de si mesmo. É un presente de ser, non de soño. A súa liberdade está limitada inmediatamente pola responsabilidade. Niso reside o seu enorme paradoxo: un ser libre que xa non é libre porque é responsábel de si mesmo” (Levinas),

Pessoa non é outro que os seus versos. O home substituído polo poeta, como di José de Almada Negreiros, pero poeta que fai home a Pessoa: “Não conheci exemplo igual ao de Fernando Pessoa: o do home substituido pelo poeta (…) Mas ele tinha posto efectivamente toda sua vida na Poesia; ele é exactamente o poeta dos seus versos.”

pessoa3Existen xenios, segundo H. Kohut, capaces de mudar totalmente de personalidade en etapas avanzadas das súas vidas. Nun artista un cambio total de estilo equivale a un cambio de identidade. “Ao pasar dunha fase a outra, moitos dos máis grandes artistas revelan que neles desenvólvese unha loita por acadar formas sempre novas de identidade”.  Sen creación, afirma Winnicott, non hai máis que supervivencia. Pretender que o pensamento sexa igual a un proceso de subxectivación resulta tan pouco frutífero e estúpido como intentar ver niso “un retorno ao suxeito”. Trátase da constitución de modos de existencia ou de posibilidades vitais. Non a existencia como suxeito, senón como obra de arte; e, nesta última fase, o pensamento é un pensamento-artista.

Nietzsche devolve ao suxeito o seu papel de protagonista como artista; pero esta vez a todos os suxeitos, e non soamente ao “xenio”. A delicada  posición das artes na teoría romántica foi aproveitada por Hegel para renovar a teoría platónica (a arte de ofrecer mentiras ou “necidades”), e rematar dese xeito coa arte, facendo das obras de arte meros documentos históricos dunha verdade social ou nacional (F. de Azúa). A máscara da arte ofrecida como a mentira que anuncia a verdade profunda do ser que quere ser en aquel que se oculta, e polo tanto no agocho aparecerá tal como é: a pluralidade do ser:

            Deus nâo tem unidade,

            Como a terei eu?

                                      (F. Pessoa)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *