As irmás Romanov, de Helen Rappaport

hermanasXerardo AgraFoxo. Baixabamos pola Avenida Nevski –de San Petersburgo– cando nos cruzamos cun fato de popes vestidos coas súas aparatosas casulas e portando uns enormes pendóns. Uns intres máis tarde celebraban detrás da igrexa do Sangue Derramado unha misa ao ar libre. A que se debía aquel acto litúrxico? Cal era motivo de tan afervoados cánticos? Era o 17 de xullo do ano 2008, o 90 aniversario do asasinato da familia do tsar en Ekaterimburgo. Nicolás II, a súa dona Alexandra Romanova, as catro fillas (Olga, Tatiana, María e Anastasia) e o zarevich Alexey, foron pasados polas armas xunto co doutor Botkin, a asistenta Demídova, o cociñeiro Kharitonov e o mordomo Trupp. O lugar da traxedia foi a Casa Ipatiev.

Moitos anos despois, para que este lugar non se convertera nun santuario de peregrinación, o secretario do Partido Comunista daquela rexión ordenou  o derrubamento do inmoble. hermanas2Pero máis tarde, cando este home ascendeu aos chanzos máis elevados da nomenklatura rusa, realizou dúas manobras imprevistas. Primeiro, mandou que os restos da familia imperial fosen enterrados coma heroes na catedral da Fortaleza de San Pedro e San Pablo. Despois, fixo o posible e o imposible para que Nicolás II fose canonizado pola igrexa Ortodoxa Rusa. Agora, acaba de saír este libro –As irmás Romanov– que conta a peripecia sufrida polos últimos reis autócratas de Europa. Aínda non o rematei e, por tanto, non sei se fala daquel político excéntrico. Morreu hai uns anos, logo de que lle detectaran sangue no alcohol. Chamábase Boris Yeltsin.

Descansemos en paz.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *