Verdade desmoralizadora

estres1X. Ricardo Losada. Ninguén traballa máis que un profesor de Filosofía. Non me refiro á intensidade (que tamén) senón a algo máis indiscutible, a cantidade de horas: 365 por 16, 5840 horas ao ano, descontando as preceptivas oito horas de sono que, no noso caso (a mente filosófica nunca descansa), é moito descontar. Se vos parece esaxerado, recordade que o noso traballo consiste en pensar, e estamos todo o día dálle que dálle. Un albanel deixa de pór ladrillos cando chega á casa, un taxista de conducir, un médico de curar… Nós non temos descanso. Incúmbenos calquera tema, en calquera circunstancia, e abordámolo desde tantos puntos de vista que nunca chegamos a un resultado definitivo, pois profundar con rigor filosófico implica novas e inesperadas hermenéuticas. De aí a fama que temos: sabemos de todo, logo non sabemos de nada; dámoslles demasiadas voltas ás cousas; non hai quen nos aguante, nin en clase, nin na casa, nin no bar…, proba evidente de que, por moito que queiramos, non podemos deixar de ser profesores de Filosofía.

estres2     É mellor Ronaldo ou Messi?, pregunta alguén nunha cafetería na que Madrid e Barcelona xogan no televisor. E todo o mundo agarda que o profesor de Filosofía responda con palabras dun mínimo de cinco sílabas (Messi é máis hipercuántico que Ronaldo), buscando unha perspectiva do problema que ninguén viu (Messi reflicte mellor o Espírito de Barriada, non vos fixastes que xoga como coas mans nos petos?) e conectando a cuestión cos grandes dilemas da humanidade (Ronaldo é o Clasicismo, a Converxencia, a Tradición; Messi, o Romanticismo, a Diverxencia, a Transgresión e, sen Transgresión, aínda viviríamos en Altamira). E nese momento marca Messi, e o único barcelonista que non pode saltar de ledicia é o profesor de Filosofía. Pero non te alegras?, dinlle os amigos, acabamos de marcarlle un gol ao Madrid! E o profesor de Filosofía, reprimindo o asco que lle dá ese signo de admiración na cara dos amigos, responde: Tamén me alegro cando penso a Bach, ou cando reflexiono ante un cadro de Brueghel ou cando profundo nunha película de Godard, pero a ledicia non me converte nun animal desbocado. Xa o dixo Platón, o ser humano é un animal racional, e a euforia, unha paixón innobre.

  estres3    Si. Calquera tema ocupa e preocupa ao profesor de Filosofía. Desde Debe espremerse o limón no gin tonic? ata Podería existir un universo con leis distintas? pasando por Está xustificado insultar a outro condutor nun atasco? Non debería facelo pero por deferencia ao lector e porque isto non é un ensaio filosófico, porei, para que poidades (ata certo punto) comprenderme, un vulgar exemplo. O outro día atopei un amigo pola rúa e preguntoume se cría que debía contarlle á muller que o fillo estaba enganchado á cocaína tendo en conta que a muller ía tomalo moi mal, e en vez dun problema, acabarían tendo dous. Non souben que contestarlle, pero iso é o de menos. O de máis é que, tras esa conversa, quedei reflexionando días e noites enteiros sobre un vello problema filosófico que é da máxima urxencia e actualidade: É preferible unha verdade desmoralizadora ou unha falsidade unificadora? E se ti, lector e común mortal, non captas, como supoño, a relevancia desa cuestión para o progreso da Humanidade, segue durmindo tranquilo. Non vou reprocharcho. Ao contrario. Felicítote. Tiveches a inmensa sorte de nacer sen a pesada carga dunha mente pensante, es un vulgar pero feliz ser sentinte. Así que non teñas remorsos. Que eu estea condenado a vivir sen vacacións nin fins de semana non é culpa túa, nin de humano ningún.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *