A orixe do Portus Apostoli en Noia

noia
A proximidade a Compostela fixo de Noia lugar de acollida de peregrinos polo mar

Xerardo AgraFoxo. Noia aparece nos escritos dos historiadores latinos como unha poboación da Gallaecia situada na desembocadura do Tambre. Caio Plinio, O Vello, fala dun oppidum cos tres nomes diferentes: Noela, Noeta e Noega. Claudio Ptolomeo refírese a Noia na súa obra Xeografía e o Itinerario de Antonino sitúa o oppidum Noega na Vía Per Loca Marítima. A existencia deste núcleo resulta evidente cando nas escavacións que se realizan en Noia aparecen restos dunha villae vinculada co Baixo Imperio Romano.

Coa entrada dos suevos en Gallaecia, as terras de Noia quedarán integradas na parroquia de Posmarcos, que pertencía á Sé Episcopal de Iria Flavia. A circunstancia de que no século IX apareza o sartego do Apóstolo determinará o desenvolvemento do locus apostolicus e o nacemento do Portus Apostoli no ano 1168.

Será nesta primeira etapa da Mitra Compostelá cando Ramiro II e a súa dona, Urraca, emitan un documento que será clave na historia de Noia. O 21 de febreiro de 934 concédenlle á igrexa de Santiago o condado de Posmarcos, que se estendía entre o Ulla e Tambre e comprendía os territorios próximos a Noia:

… comissim Pistomarcos ab integro secumdum illud obstinuit Lucidus Vimarani, de Vila in Tamere, ut omnis populis in eodem degens commisso.

Uns anos máis adiante aparecerá por primeira vez Noia nos documentos. O 13 de decembro do 1107 a raíña Urraca outorgaralle ao bispo da cidade do Apóstolo todo canto tiña entre o Ulla e o Tambre. Unha concesión que confirmará o 14 de maio de 1112: … et de omnibus illis hominibus et hereditabus quas habeo in Pistomarcos et in Noia et in Compostella, regalem curtem.

Por medio destas concesións, as xentes das terras de Noia estarán durante máis de 800 anos baixo a Mitra Compostelá. Dende entón os veciños de Noia serán gobernados polos Foros de 1113, aprobados polo arcebispo Diego de Xelmírez. Neles contemplábase a administración da xustiza e a defensa do territorio.

Esta amplitude de atribucións queda reflectida cando, no 1134, os cabaleiros Froila Afonso e Pedro Muñiz de Carnota precisan permiso para erguer nun lugar recollido -monte territorio Nogia-, onde existía un oratorio dedicado aos santos Xusto e Pastor, os primeiros alicerces do mosteiro de Toxosoutos: …consulente et consentiente domno didaco Compostellanae sedis Archiepiscopo una consensu omnium canocicorum eiusdem sedis.

A través dunha doazón do cóengo Pedro Alvitez podemos comprobar como aparece o topónimo de Noia ao describirse o lugar da gorxa do río San Xusto onde se erguía o mosteiro: ..Ob honorem monasterii sactorum Iusti et Pastoris quorum basilica in Lucania monte territorio Nogia fundata es cernitur.

Por situarse preto da cidade santa, Noia será un dos principais lugares de acollida dos peregrinos que chegaban por mar. Un feito confirmado pola expedición da Segunda Cruzada, que partiran con duascentas naves de Darmouth no 1147 e ancoraron na desembocadura do Tambre para camiñar ata Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *