Anna Ajmátova: fe cega na poesía

anna1Gonzalo Trasbach. Soñei que Raskólnikov, o protagonista de Crime e castigo, viaxaba coa súa machada no tren cara a San Petersburgo coa intención de asasinar a Anna Ajmátova (23 de xuño, 1889-5 de marzo, 1966). Eu subía ao convoi para intentar impedilo. Ateigados de xente e escuros, nos vagóns sentinme asfixiado porque non o daba atopado. Perdín o alento e espertei do pesadelo suando e aliviado. Como puido a miña cabeciña ir parar ata semellante escena? No medio da noite, din cunha posible resposta. Levaba días remexendo no material acumulado nunha carpeta de apuntamentos referidos ao que fai anos denominei galería feminina poética, unha vella aspiración que nunca coroei. Nestes papeis figuran o nome de varias heterodoxas, rabudas e santas do pasado século. Sobre dúas, Emily Dickinson e Sylvia Platt, xa falei aquí. Logo das dúas americanas, a terceira é unha rusa.

Ajmátova, a poeta que formou parte da inquieta e heteroxénea xuventude de San Petersburgo das primeiras décadas do século XX, foi tamén unha figura sobresaínte da emblemática xeración de poetas que conformaron a denominada vangarda rusa, dos cales, Gumiliov, un dos tres maridos que tivo Anna, foi fusilado no 1922 acusado de monárquico; Osip Mandelstham, o seu amigo da alma, pereceu no gulag; Yesenin e MaiaKovski suicidáronse. anna2Outros moitos, como Pasternak e a mesma Ajmátova, foron perseguidos e obrigados a calar. Os demais abandonaron o seu inhóspito país para establecerse no estranxeiro. Naqueles tempos, mentres na URSS se levantaban gulags e se practicaban numerosas e indiscriminadas purgas, unha boa parte da intelectualidade occidental loaba as bondades dun réxime cruel e despótico. E nós -Oh, my sorrow!-, festexabamos a nosa orgullosa adolescencia… Entón, un represaliado ou un exiliado ruso era considerado un renegado, un opositor ao progreso da humanidade. Manda carallo!

Cualificada como a poeta rusa máis “grande” do século XX, Anna Ajmátova, a quen os homes amaron pero talvez nunca comprenderon, pagou moi cara a súa decisión de seguir o seu camiño libre das ataduras de Zhdnanov e o “realismo socialista”. Pola súa aposta foi perseguida e calumniada. Stalin considerou que ela, corpo delgado e fráxil que agochaba unha vontade de ferro e unha fe inmensa e cega na poesía, representaba unha dobre ameaza: muller e poeta: Yo tomo de la derecha y de la izquierda…Y todo el silencio de la noche, escribiu unja vez para recordarlle ao tirano que o coro poético sempre habita en la otra orilla del infierno. Logo de ser tachada de “puta” e “contrarevolucionaria” (1935), a su poesía foi prohibida. A segunda gran guerra devolveulle popularidade e honores. A súa voz estivo ao lado do seu pobo na defensa de Leningrado. É consagrada. Talvez de máis. O poder nunca perdoa a orgullosa sublevación dos pobres. Na sombra o tirano agardaba para saltar sobre a súa presa. E trala a contenda, ordena que sexa despoxada da liberdade e da gloria. Sumida na miseria, pasa fame e frío. O seu fillo é internado nun gulag. Cando regresou no 1956, o amor filial trocouse en rancor. Ningún dos dous se recoñeceron.

anna3Un día de novembro de 1945 Ajmátova recibiu unha visita inesperada e gratamente sorprendente. Á porta da su humilde casa petou o escritor inglés Isaiah Berlin (¿qué fulgor invisible/ nos encendió hasta la aurora?). Non se volveron a xuntar ata 20 anos máis tarde. Foi no 1965 en Oxford, onde a rusa acudiu para recibir o premio Doctor honoris causa. Este recoñecemento chegoulle logo da morte do tirano (1953). Foi cando as novas autoridades rehabilitaron a milleiros de persoas perseguidas ou encadeadas por motivos políticos. No acto, Ajmátova lucía o fular que lle tiña regalado vinte anos atrás a súa amiga Marina Tsvetáieva (1892-1941), a quen levou ata o suicidio o continuo ostracismo a que foi sometida.

Durante un longo período de tempo Ajmátova desapareceu no seu hermético retiro forzoso, apartada do seu traballo e de calquera outro diante do que puidera exhibir algunha inclinación: privada de todo intercambio ou comunicación co mundo exterior. E, con todo, e aínda que este sexa un territorio de areas movedizas, non se pode esquecer que toda a crónica da literatura rusa moderna, dende Pushkin a Brodsky, pasando por Ajmátova, é a da supervivencia baixo unha represión brutal. De feito, gran parte da mellor poesía rusa do tempo de Ajmátova ten circulado de boca en boca e tense recitado de xeito interior, como lle pasou á nosa denodada poeta, cuxa obra ten sido preservada e publicada caladamente e nas edicións da memoria persoal. Ten habido máis resistentes loitadoras contra “todo ángel es terrible” (Rilke) que Anna Ajmátova? Máis fortes non o sei, pero na miña galería hai outras dúas infatigables combatentes. Tamén algún día falaremos delas.

Un comentario en “Anna Ajmátova: fe cega na poesía

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *