Científicos e deportistas

rembrandt_anatomiaFrancisco Ant. Vidal Blanco. Pois a verdade é que non sei por que un tenista macho debe cobrar máis ou menos ca unha tenista femia. Supoño que cada un terá o seu mérito, e deberá gañar máis quen mellor o fai, outra cousa moi distinta é se eses soldos, fichas e contractos se corresponden co ben social que producen, diga o que diga Djokovic e pense o que pense Florentino ou Messi. Tal entendín este inverno, mentres loaban a un rapaz que acababa de fichar por un equipo de terceira e lamentaban, eses mesmos veciños, que un seu curmán, tras cinco anos de carreira e tres másters en física cuántica, acadou unha beca para traballar nun soto de partículas subatómicas, mirando luciñas por mil euros ó mes e sen ver a rúa durante horas e horas de observación.

O descrido de Xulio asegura que se tivese -que non ten- un fillo en idade escolar, non o castigaría con gramática e coñecemento do medio, senón que o matricularía no campus do Barça ou do Madrid, porque ó final, sen necesidade de chapar a táboa periódica, gaña máis un futbolista de segunda división ca un científico de primeira, e a maiores un deportista, en quince anos de currelo xa se pode retirar, mentres que o científico tras tantos anos de becas mal pagadas aínda non ten currículo para traballar no seu.

Tal vez, a solución pase por converter a ciencia en espectáculo, e ós científicos en estrelas mediáticas, abrir os quirófanos ó público, previo pago dunha entrada como se fose o coliseo onde a vida e a morte xogan para divertirnos, para que os espectadores vexan como se lle extirpa un ril, ou como o médico estrela fai un corte limpo arredor da femoral. Imaxínome ós seareiros do cirurxián agardándoo en masa á porta do quirófano, todos con camiseta verde e bufandas co escudo do hospital para pedirlle autógrafos, ou mercando os bonos de tempada para presenciar o choque dun par de ións, ou apostando nas quinielas polo grosor máximo do grafeno que vai saír o domingo ás seis e media da tarde dos laboratorios de tal universidade, ou ter reservado un palco para asistir durante o curso académico ás intervencións do coquiño preferido en vivo e en directo. Pero sobre todo gustaríalle ó meu amigo Xulio asistir entre atónito e satisfeito, durante a precampaña académica, ás multitudinarias fichaxes, traspasos e cesións de científicos, e discutir por que o Chuac acaba de contratar ó tres veces bisturí de ouro ou se a facultade de Química fichou a un brasileiro para o seu departamento de inorgánica.

Que parvada, ¿verdade? Á fin, os científicos, aínda que nos deron a electricidade e o control da enerxía atómica, a pesares de ser quen de purifican as augas que bebemos, alongándonos a vida ou permitíndonos ver un partido de fútbol que se xoga no outro lado do mundo en tempo real, aínda non conseguiron, nin cun premio Nobel estampado no bonete, unirnos con orgullo patriótico como fan Nadal, Alonso ou calquera outro atleta que provoca en nós a envexa dos seus musculosos corpos e dos seus soldos inalcanzables, pero sobre todo provocan en nós a euforia e a alegría dos seus éxitos como propios, ou como se con cada gol ou cada punto estivese erradicando a fame dun milleiro de persoas, subindo o poder adquisitivo dos seus paisanos ou facilitando o descubrimento dun novo e máis eficaz medicamento. Cada patada, salto ou carreira deles, pesa máis có mellor corte de bisturí, aínda cando o cirurxián sae a dicirnos que todo saíu ben e nós só lle respondemos cun tímido sorriso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *