Os innúmeros de Ricardo Reis

nomes1Fidel Vidal. Ter un nome equivale, tal como sucede no noso país, a levar connosco un documento (nacional) de identidade que o diga (por non falar dunha nómina), ou estar inscrito nun Libro de Familia. Un D.N.I. nunca construíu unha identidade. Os antropólogos traen novas de culturas onde a heteronimia forma parte natural da conduta humana. Ocorre que un home pode cambiar de nome até vinte veces ou máis, e é por iso que custa seguilo, perseguilo, dada a facilidade con que se lle perde a pista. Hai outras onde cada quen leva consigo moitas almas, incluso unha alma en cada órgano ou membro corporal, e sen estaren tolos. Nesta altura, non soarán estrañas as verbas de Ricardo Reis ditadas desde o saber universal da poesía:

Se recordo quem fui, outrem me vejo,/ e o passado é presente na lembrança. (…) Que quem son e quem fui/ são sonhos diferentes. (…) Vivem en nós innúmeros; (…) Tenho mais almas que uma./ Há mais eus do que eu mesmo./ Existo todavía/ indiferente a todos/ Faço-os calar: eu escrevo.

Eu escrevo. A arte poética é unha máxica forma de coñecemento. E a escritura unha extraordinaria maneira de se constituír en suxeito (Morey). Sigamos o propio Pessoa: ¿Quén que sexa portugués pode vivir na estreiteza dunha soa personalidade? Ou a Álvaro de Campos cando quere ser todo e de todas as maneiras” para ser un.

nomes2“ABOLICIÓN DO DOGMA DA PERSONALIDADE”, apunta Campos en De Ultimatum. Isto é, que posuímos unha Personalidade “separada” da personalidade dos demais. Trátase dunha ficción teolóxica. A personalidade de cada un componse do entrecruzamento social coas “personalidades” dos outros, da inmersión en correntes ou tendencias sociais e da fixación de trazos hereditarios oriúndos, na súa meirande parte, de fenómenos de orde colectiva. Somos cos outros e os outros sono connosco. Para o sentimento cristián, o home máis perfecto é aquel que con maior verdade poida dicir: “Eu son eu”. Para a Ciencia, o home máis válido é o que con maior xustiza poida declarar: “Eu son todos os outros”.

O medo á desestruturación, á propia destrución, fai que o home intente manter, ou fabricar, unha suposta unidade monolítica que se traduce co nome de personalidade. Ante unha vivencia de ansiedade o home ten medo a morrer, latexa nel unha sorte de posíbel morte física (dun paro cardíaco, angor, angustia), ou perder a razón deixando de ser un mesmo a través da loucura (outra sorte de morrer), quer dicir, unha morte psicolóxica. O temor á loucura foi talvez un dos pánicos subxacentes e constantes de Pessoa. (A presenza fantasmal da loucura da avoa Dionísia?)

No entanto, Ricardo Reis, sendo innúmeros, non soportaba os cambios nin as mudanzas:

Tudo quanto me ameace de mudar-me

Para melhor que seja, odeio e fujo.

Deixem-me os deuses minha vida sempre sem renovar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *