Traidor!

cruyffX. Ricardo Losada. Téñome identificado de neno con personaxes famosos cos que compartía algunhas calidades (non porei exemplos por pudor), pero tamén con outros cos que non compartía ningunha. Así houbo unha época na que quixen ser como Johan Cruyff, aínda que as miñas características non o propiciaban. Eu era un futbolista maquiavélico (o gol xustifica os medios, calquera medio, mesmo a punteira ou a canela) e Cruyff un futbolista esteticista, moi ben perfilado naquela definición do fútbol que deu Antonio Deltoro: é a vinganza do pé sobre a man.

En 1973, con 12 anos, no clásico Madrid-Barcelona das festas de Guadalupe, eu xoguei con camiseta branca. Pero pouco despois Johan Cruyff, a quen eu admiraba máis alá do que sería capaz de explicar con palabras, fichou polo Barcelona. Nin o dubidei. Cambiei de equipo. Unha decisión que, sabía, ía custarme acusacións moi fortes: traidor, cambiachaquetas, vendido. Calquera que saiba de que vai isto do fútbol na infancia, máis aínda naqueles anos, sabe da inmensa admiración que debía ter por Cruyff para tomar unha decisión así.

Un ano despois Cruyff deulle a liga ao Barcelona, pero non o puiden disfrutar. Aínda faltaban tres meses pero non me saía da cabeza o clásico Madrid-Barcelona das festas de Guadalupe daquel ano 74 que, se eu confirmaba a miña traizón, sería o ano da miña expulsión do paraíso rianxeiro.Cruyff_Di_Stefano_Dentro_97_original Non sabía que facer. Debíalle fidelidade aos meus compañeiros do equipo de sempre (o Madrid), pero tamén a Cruyff e ao meu novo equipo, o Barcelona.

Nunca na miña vida tivera (nin tiven despois, a pesar de estudar Filosofía) unha vida interior tan intensa. Mesmo pensei nunha opción salomónica: xogar co Madrid e facer todo o posible para que perdese. A piques de desesperar (ata considerei lesionarme a propósito), souben que aquel ano a Comisión decidira cambiar de clásico, e facelo máis local. Xogarían Celta e Deportivo. Pero tampouco me aledei. Pasei da angustia á frustración. O meu amor por Cruyff chegaría á éxtase se naquel partido das festas de Guadalupe eu escoitaba como me chamaban traidor por lucir a súa camiseta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *