Carlos Mosteiro. En realidade chamábase María Antonietta Torriani. Tomou o pseudónimo de Marquesa Colombi do frívolo personaxe homónimo de “La satira e Perini” (1853), comedia do dramaturgo Paolo Ferrari. Italo Calvino exhumou e rescatou do esquecemento a esta destacada escritora e incluíuna na colección de novela breve que publicou entre 1977 e 1985 na editorial torinesa Einaudi. Agora recupéraa en galego a compostelá Hugin e Munin, con tradución de Isabel Soto. Naceu en Novara en 1840. Orfa de pai, diplomouse como mestra. Con 25 anos marcha a vivir a Milán e empeza a colaborar en revistas. Coñece ao que por un tempo sería o seu marido, Eugenio Torreli Viollier, fundador de Corriere della Sera, medio no que a Marquesa Colombi consta como a primeira muller escritora.
Un matrimonio provinciano (“Un matrimonio in provincia”) foi publicada por primeira vez en 1885. É unha novela curta que transcorre nun aburrido campo dos arredores de Novara e que nos dá novas dunha familia pequenoburguesa, formada polo pai (notario e viúvo) e dúas fillas, Caterina (Tina) e a protagonista e voz narradora: “Herdara do meu padriño o desafortunado nome de Gaudencia, reducido no uso familiar ao ridículo diminutivo de Denza”. O grupo familiar complétano unha tía que vive tras un biombo instalado na cociña e unha madrasta desenvolta, pragmática e dunha franqueza autoritaria, pouco amiga de melindres que leva as rendas da vida familiar sen demasiada contestación. A trama é sinxela. Denza chega á idade casadeira e fai dous descubrimentos. O primeiro, que é fermosa. O segundo, que ten un pretendente de boa familia ao que se entrega en alma (non en corpo), co que mantén un intenso, e non poucas veces frustrante, diálogo amoroso feito unicamente de miradas. Ela dá por feito que a petición de man se vai producir máis pronto que tarde, pero todo se vai torcer cando descobre que o único que vai obter do mozo Mazucheti son olladas.
Estamos ante unha sorprendente novela breve, cun acertado deseño de personaxes, unha excelente posta en escena da vida provinciana, unha gran capacidade de análise e de crítica dos costumes e unha aguda disección dos convencionalismos, dende unha distancia retranqueira e sutil, lonxe do dramatismo e fonda conflitividade das grandes novelas decimonónicas que abundan no tema do amor e o papel da muller. Aquí todo transcorre sen estridencias, silenciosamente, onde mesmo as desgrazas e os desenganos matízanse de cotián e de costume. Non hai desgarro nin loita contra o destino, todo camiña cara a unha aburrida aceptación, cara a un decadente microcosmos de antiheroes.
Un fermoso achado. Unha pequena, fresca e sorprendente alfaia.