A muller nos sindicatos agrarios sonenses

O traballo da muller foi fundamental no agro, pero non recoñecido
O traballo da muller foi fundamental no agro, pero non recoñecido

Patricia Torrado Queiruga. Para o presente artigo tomamos como referencia o Regulamento da sociedade La Protección Obrera, constituída en Porto do Son en 1901, e o Sindicato Agrario Católico Obrero de San Benito de Seráns de 1926, posto que non temos coñecemento nin dos estatutos da Liga y Sociedad de Agricultores de Santa María de Nebra de 1909 nin dos da Sociedad de Agricultores que supostamente se estableceu no Son en 1903.

Como ben sabemos, o papel da muller ao longo da historia sempre estivo aldraxado e mesmo nos sindicatos agrarios podemos evidencialo.

No capítulo segundo, artigo 7, dedicado aos socios de La Protección Obrera considérase que poderán ingresar como socios todos os varóns e femias deste termo municipal, maiores de 15 anos, de calquera crenza, nacionalidade, raza ou cor, que foran asalariados, ou que se ocuparan nalgún dos oficios que a sociedade reunise en si.

 Sen voz nin voto

Non obstante, esta igualdade de condicións «teóricas» entre socios e socias vese quebrado no artigo 13 no que se subliña que as femias non poderían asistir ás sesións e discusións, non tendo nin voz nin voto. Así, para representalas, defendelas e escoitar as súas peticións, nomeábase unha comisión composta por tres individuos (varóns) que era escollida por votación cando se elixía a xunta directiva.

Nesta mesma sociedade, estipulábase que «los cargos para la Junta Directiva se renovarán por votación secreta así como los de la comisión representante de las hembras». Co que podemos supoñer, se non asegurar, que estes cargos estaban vetados para o sector feminino. Ás mulleres non se fai referencia a non ser que fosen as encargadas de sacar a familia adiante, ben por seren viúvas sen fillos maiores de idade ou por estaren casadas cun emigrante, o que foi unha realidade indiscutible en toda Galiza.

No caso de que a muller enviuvase tiña que administrar o patrimonio dos fillos e non podía nin endebedarse nin dirixir a propiedade, limitándose a mantela ata o intre no que outro home tomase as rendas.

Beneficio por enfermidade

En canto ao Sindicato Agrario de Seráns, constituído 25 anos despois, non se fan distincións de xénero entre os socios, agás no título dedicado a Fin Benéfico, no artigo oitavo, no que se fai referencia aos diferentes casos nos que os socios quedaban fóra do beneficio por enfermidade (gastos de médico, botica) e socorro, así como por socorro de falecemento, entre outros, as mulleres en caso de parto.

O que nalgúns casos se constata a nivel galego é que os sindicatos agrarios máis vinculados á esquerda, ideoloxicamente falando, adoitan defender e ampliar, na maioría dos casos, os dereitos das socias.

Veto implícito

Nos regulamentos destes dous sindicatos non se explicita o veto implícito a que as mulleres ocupasen os cargos directivos dos mesmos, mais non se ten constancia de que elas ocupasen ningún.

Así como estaban supeditadas a uns estatutos feitos por homes que vivían nunha sociedade androcrática na que as mulleres non debían supor un estorbo para os homes, encargados de repartirse o poder efectivo, elas, que tiveron menos dereitos ca os seus conxéneres do sexo oposto, foron as primeiras en defender os mesmos na meirande parte dos conflitos agrarios motivados polos arbitrios e consumos, na historia do agrarismo galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *