Ella Fitzgerald: un legado monumental

ella loveGonzalo Trasbach. Un 15 de xuño de 1996, é dicir, vai facer vinte anos, Ella Fitzgerald deixou de cantar para sempre tras deixarnos un formidable legado de máis de 250 gravacións. A homoxeneidade foi o denominador común da súa longa carreira artística. Nacida un 25 de abril de 1917 en Newport (USA), a que máis tarde sería coñecida como Lady of Song debutou en 1935 cando se publicou Love and Kisses, un disco no que aínda se amosaba coma unha adolescente coitadiña e cunha madura pulcritude formal, un feito que resulta divertido ao comparalo coa relaxada voluptuosidade e espontaneidade xuvenil da súa última etapa como vocalista.

Un inmediato éxito cunha canción bastante comercial situouna nunha posición privilexiada no 1938 e uns poucos anos despois xa tiña colaborado con estrelas como os Ink Spots (Cow Cow Boogie), os Delta Rhytm Boys (It’s Only a Paper Moon), Louis Jordan (Stone Cold Dead in the Market) ou Louis Armstrong (You Won’t Satisfied). Nos 40 xa era unha muller de fortes conviccións artísticas, o cal non evitou que o “bepop” acabase salpicándoa. Unha vez que deixou constancia diso en Flying Home (1945) e en How High the Moon (1947), volveu ao seu territorio natural logo de confirmar o seu rango de mellor improvisadora vocal do jazz.

ella2No 1956 era xa unha lenda moza grazas ás súas históricas gravacións co selo Decca, onde foi modelando as calidades e a depurada técnica vocal que máis tarde a converteron nunha das grandes deusas do scat e da improvisación. Foi entón cando Norman Granz, o dono e fundador de Verve e quen xa descubrira dez anos atrás, lle ofreceu a ocasión de fichar pola compañía que a consagraría definitivamente. Granz puxo aos seus pes como se fosen alfombras as mellores orquestras compostas con músicos rutilantes e precisos e arreglistas impecables (Oscar Peterson, Duke Ellington, Louis Armstrong…).

Pero antes a cantante de Newport encarou a colosal tarefa de traducir ao jazz vocal o legado dos compositores norteamericanos máis importantes do século XX, desde Irvig Berlin e Cole Porter até Rodgers & Hart e Harold Arlen, pasando por Johnny Mercer, Jerome Ker, Duke Ellington e, por suposto, os esenciais George e Ira Gershwin. Aínda que o excepcional Pure Ella, que reúne o material gravado en Decca, precedeu aos memorábeis Ella Swings Brightly e Ella Swings Genthly, o ambicioso encargo proxectado no tempo (1956-1964), unha obra descontinua que goza dunha asombrosa unidade formal, aínda se pode saborear en toda a súa grandeza nun cofre de 16 CDs baixo o titulo de The Complete Ella Fitzgeral Song Books (1993).

Ella xa tiña probado sorte co repertorio dos Gershwin, pois xa gravara Ella Sings Gershwin en 1950, a dúo co pianista Ellis Larkins. Pero esta colección aínda denotaba certa rixidez, como se non se atopase a gusto defendendo unhas cancións xa consagradas coma iconas da cultura norteamericana. Non obstante, no 1959, despois de foguearse con éxito noutras paisaxes similares, xa se sentía preparada para rubricar un dos seus discos máis embriagadores, perfectamente arroupada pola orquestra de Nelson Riddle. ellasongFoi así como naceron as 55 pezas do orixinal Ella Fitzgerald Sings The George & Ira Gershwing Song Book. Un ilustrativo resumo da faraónica etapa Verve está contida no formidable triplo álbum First Lady of Song. O citado selo preparou unha edición especial en 1998 do cancioneiro dos Gershwin segundo Ella empaquetado nun volume cuádruplo que realza a iconografía orixinal e lle engade dezaoito cortes inéditos.

Con todo, a obra mestra de Ella é o impresionante Song Books, que gravou entre o 7 de febreiro do 1956 e o 21 de outubro de 1964. Aquí, o permanente estado de graza de Ella borra dun golpe calquera sombra de monotonía ou grandilocuencia. Ninguén merece ser privado dalgunha mostra desta monumental herdanza musical do século pasado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *