Historia do nobre Ponto

nobre pontoFidel Vidal. Ler a Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña (Rinoceronte, 2016), un libro de cabalería que no seu día supuxo un auténtico best-seller en toda Europa, resulta unha ledicia e unha experiencia pola que paga a pena pasar, sexamos ou non afeccionados ou expertos medievalistas. Grazas a Compostela e ao apóstolo, Galiza era coñecida naquel tempo. Mesmo aparece nos máis importantes autores da Idade Media como na Divina Comedia de Dante, nas poesías de Rutebeuf, nos Contos de Canterbury de Chaucer… Esta obra, a Historia do nobre Ponto, con resonancias de oralidade que lle dan frescura ao relato, é de autoría descoñecida, se ben a súa composición apúntase ligada á familia La Tour de Landry.

Traducida do francés ao galego de forma maxistral por Henrique Harguindey, vén acompañada por unha profunda e ilustrativa Introdución do mesmo autor. “A obra –dinos da Descrición- relata a historia de Ponto, fillo do rei de Galiza, tras a toma da Coruña polos musulmáns e a morte do rei Tiber. nobre2Un grupo de rapaces galegos son salvados e embarcados nun navío que naufraga nas costas de Bretaña; alá son acollidos e criados por nobres bretóns. Sidonia, a filla do rei, e Ponto namóranse, mais diversas desventuras poñen en perigo a súa felicidade”. Trátase dunha vella historia de bágoas e sufrimentos, de aventuras e de amor, nun mudo de loitos e de loitas magnificamente contada.

Non esquecemos unha advertencia previa: “O 5% dos beneficios xerados pola venda deste libro destinarase a proxectos de desenvolvemento no Terceiro Mundo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *