Para entenderse

matalobos2Francisco Ant. Vidal Blanco. Todos temos algunha anécdota das andanzas polo mundo en relación cos idiomas, e se non que llo digan ós nosos emigrantes, capaces de entenderse en calquera país e incluso de incorporar á lingua nativa as palabras aprendidas no estranxeiro, eses pequenos enxertos que a reforzan e adaptan ós novos tempos, demostrando que co idioma tamén actúa unha cuestión de economía elemental: un aforro de palabras innecesarias e inversión en verbas de aproximación, pero cando ó mercado propiamente dito imos, fai falta algo máis ca unha aproximación; aí está o exemplo dos americanos do Norte, afanados por aprender idiomas asiáticos, e os americanos do Sur matriculándose nas escolas de portugués por mor do Mercasur. Todos eles exemplos claros da importancia de facerse entender para construír camiños comúns. E falando deste afán de consenso idiomático, Xulio sempre conta como foi quen de levar unha conversa en inglés cun taxista grego que nunca saíra de Grecia, e Moncho como foi capaz de entenderse cun tendeiro siciliano mesturando galego, castelán e italiano. ¡Ai se os políticos aprendesen de nós!.

Esta semana escoitei que a comezos do século XX un lingüista deixounos unha sentencia moi actual: «Os límites da miña fala son os límites do meu mundo». E non sei por que asociei esa frase coa escaseza de vocabulario que vimos notando nos debates multi-banda en que, aínda asegurando todos os interlocutores que postulan o ben e a mellora social, danlle ás palabras tan peculiares significados e envólvenas con tales metáforas de adiviño, que nin se entenden eles nin os entendemos nós, ata darse o caso de veciños de escano con máis problemas por escoitarse ca un esquimó para distinguir entre cocho, porco, bacoriño e leitón.

Mal entenden eles que facer un esforzo por entenderse, por adaptar o vocabulario ó interlocutor, non significa claudicar da propia linguaxe nin abocar esa daniña querencia especial polo rebuscado que abunda tanto na xente do común como nalgúns oradores profesionais, antepoñendo a preferencia polo exótico fronte ó racional e do hermético ó nidio.

matalobosNeste mes, cando celebramos os valores do idioma, falado e escrito, lamentamos esa falta de consenso e a procura dun disimulado retorno ó estrico e monolítico idioma universal, que a historia demostrou inútil e incomprensible. Tal foi cando o latín se esnaquizou nas múltiples linguas adaptadas á vida das distintas rexións do antigo imperio ou cando aquel intento do Esperanto ficou en idioma anecdótico que se mantén como se manteñen os equipos de petanca. Porque idioma universal tamén é a discusión a garrotazos ou o encontro entre dous cans atados polo correa, ben suxeitas polos respectivos amos, que lles permiten ladrarse, para que desafoguen, e pouco máis, antes de volver cada un á súa canceira.

Xa sabemos que, como dixo Castelao, os animais aínda están no idioma universal, pero levado isto ó debate político, é mágoa que quen pretende tomar as rendas do país non entenda iso que entenderon os nosos paisanos andando polo mundo adiante, que non é necesario abandonar o idioma propio para adaptar o vocabulario e que todos nos entendamos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *