24/7: o novo obxectivo do capitalismo, segundo Jonathan Crary

craryGonzalo Trasbach. Entre nós, dende hai xa bastante tempo que non están ben vistos os que durmimos moito. Os que están ben considerados son os que se erguen cedo, dormen poucas horas e traballan ou consomen moito e durante moito tempo. Do sono, da su historia, é das consecuencias ou repercusións que poda ou non ter sobre os seres humanos é do que trata 24/7: El capitalismo al asalto del sueño (Ariel). Se ás antigas sociedades soberanas e de encerro (familia, escola, cuartel, fábrica, hospital e pode que cárcere) que analizou Foucault, lles sucederon as de control, sobre as que Deleuze nos legou un soberbio estudo en Poscriptum (Conversaciones. Pre-textos), e máis tarde prolongou Han na Psicopolítica como modo de dominio que xa non só penetra na carne senón na alma dos individuos, Jonathan Crary reflexiona no seu libro sobre o novo obxectivo do capitalismo neoliberal que goberna o mundo: intervir nesa zona de sombra que aínda permanece virxe nos humanos e que é o sono, ese espazo temporal no que ao parecer non producimos nin consumimos nada. As novas apostas tecnolóxicas irían nesa onda ou dirección: conseguir que durmamos pouco ou case nada e que esteamos activos durante as 24 horas do día durante toda a semana.

crary2O libro do historiador de arte da Universidade de Columbia (USA) chegou ata min logo de que o recomendase Ignacio Castro Rey no Ateneo de Santiago, onde ditou unha conferencia sobre “Filosofía en tempos virais”. Unha recomendación acertada. Coma sempre, ao fronte da aposta para acadar novos dispositivos para asaltar de xeito definitivo unha das poucas áreas dos seres humanos que se resistía á penetración do noso turbocapitalismo, atópase o Pentágono. Crary afirma que esta institución militar norteamericana, vangarda de toda experimentación tecnolóxica antes de pasar a ser consumida pola sociedade civil, está investindo millóns e millóns de dólares nunha investigación para conseguir un fármaco que permita formar soldados que poidan pasar varios días sen durmir. Como base tomou unha observación sobre a migración de certas aves: a capacidade pouco común que teñen os gorrións de coroa branca, os cales son capaces de permanecer espertos ao menos sete días, o tempo que lles leva percorrer a distancia entre Alasca do Norte e México.

crary3Crary percorre polo miúdo diferentes frontes (tecnoloxía, cine, literatura…) para afondar nun só eido: o sono dos seres humanos, ese tempo e espazo de descanso onde podemos soñar cun mundo menos devastado do que coñecemos. Dito doutro xeito: explora en moi diferentes campos como o capitalismo conspira constantemente contra nós en favor do insomnio. Canto menos durmamos, máis consumimos, aínda que só sexan imaxes visuais. Crary conta que o cidadán medio norteamericano durme unha media de 6.30 horas diarias. O sono como o descanso, e tamén a parada, todos eles elementos que nos conectaban ou que nos lembran as antigas comunidades, están desprestixiados. Durmamos e soñemos cun mundo distinto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *