Tres paisaxes na area

paisaxe
Contemplar a silueta de area do Banco da Misela permite admirar a fermosura inestable desta forma de equilibrio hidrodinámico mariño

Pedro García Vidal. No azul das augas e no verde continental predominantes, as areas tapizan en tonalidades douradas fondos e bordos litorais das nosas rías. Esas formas amarelas proclaman a diferenza. Seguramente nesa particularidade reside o seu poder de atracción. As areas certifican a transformación da materia: de magma incandescente primixenio a sólidas formacións rochosas, rilladas logo polo eterno lamber das augas ou os ventos, para converterse en finos grans resistentes, maiormente de sílice en forma de cuarzo. Praias, formacións dunares, xunto con barras e frechas litorais compoñen paisaxes onde as areas son especialmente protagonistas. A xeomorfoloxía convértese nunha ciencia emocionante contemplando con ollada interesada estas formas de acumulación.

Salientamos unha tripla funcionalidade dos espazos areentos: a función lúdica, festiva, de ocio; a función de monumento natural, fráxil, atraente pola súa rareza; e, por último, a función de berce, de colo onde acouga o berberecho que dá traballo e fornece de futuro a centos de persoas cada outono.

Areais para o ocio. A praia, o grande saco de minúsculos grans, un conxunto de partículas de rochas disgregadas, unha humilde acumulación de pedras e sedimentos, posúe unha fermosura real. Cada praia ten o seu colo que a abriga. Sempre unha corrente de auga doce ten aquí o seu esteiro e é en parte responsable da súa formación.

Movementos no fondo

Na praia a area nunca está queda. Hai movementos no fondo cuberto de auga e na superficie. Todo nela está en permanente cambio debido á acción das ondas, os eventos climáticos e tamén pola acción do home. Abundantes e multiformes areais festonan o litoral do Barbanza. Solitarios na invernía, un balbordo de xentes colonizan as súas areas na estación estival, cumprindo unha función maiormente lúdica, festiva, de ocio.

Areais para a contemplación. Auga, vento e terra son ás veces tamén aliados na xénese de paisaxes dunha monumentalidade solemne. Así sucede por exemplo na zona de Corrubedo. A espectacular duna móbil que singulariza esta paisaxe non sería posible sen esa alianza. Abundancia de materiais finos producidos polas augas, frecuencia de ventos de dirección favorable, e topografía de montañas como aliada, dan lugar á presenza de tan espectacular monte de area vivo, sentinela natural que atesoura unha beleza salvaxe. O montículo de area percorre o parque natural como unha engurra inmensa. Produce unha tensa quietude contemplar esa torre caprichosa, esa catedral natural que alimenta o espírito.

Hai, por último, areais que son regazos de vida. Neles acougan os prolíficos bancos marisqueiros. O coñecido como Banco da Misela, ou vulgarmente como O Lombo de Testal na ría de Muros-Noia, é un magnífico exemplo de berce para o berberecho. Trátase dunha forma de equilibrio hidrodinámico mariño, moi inestable, unha acumulación de area en augas pouco profundas, unida por un extremo ao continente. O seu extremo libre aparece curvado, en forma de gancho, estendéndose en liña recta paralelo á costa, só modificado cando hai grandes mareas. A súa formación está en relación directa coa desembocadura do río Tambre e coas correntes orixinadas polo devir das mareas.

Leira de area

Sobre as augas, en pequenas e inestables embarcacións, os homes tiran do rastro, que agocha somerxido o triángulo de ferro en afiados dentes labrando os fondos areentos da Misela á procura do prezado tesouro. Na seca, un exército de mulleres colonizan o lombo areento. Humidade e silencio nesta leira atlántica de area. O espazo apenas enxoito, onde nacen e renacen os berberechos, o tesouro de cuncha que mata tantas necesidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *