A grande expansión

infinitoAgustín Agra. Podería dicir que non sei por que o fixen; engadir que tampouco recordo por que pasei a chave do cadeado da bicicleta por riba da pintura do seu coche, por que lle pinchei unha roda -a que me deu tempo antes de aparecer a conserxe-. Podería dicilo, pero sei que mentiría. Un ser anónimo; un dos que entran nunha vida e logo desaparecen sen deixar nin unha lene pegada no coiro. Non recordo del, se digo a verdade, nin a súa fasquía. A súa non fora máis ca unha explicación rutineira do big bang, a grande explosión que se produciu no principio do tempo, á que puxo data enchendo de ceros o encerado. Arredor de trece mil setecentos millóns de anos, segundo as últimas achegas dos astrónomos; unha cifra inimaxinable para unha manchea de quinceleiros para os que o mundo comezara aínda antonte. Deu en desenfiar logo, sen que a palabra lle tremese, as hipóteses que os físicos andaban a manexar sobre as tres posibles evolucións do universo. A do estado estacionario: na que conxecturan cun universo non estático, mais que non aumentaría nin diminuiría o seu tamaño. A da regresión ou implosión: co retorno ao estado inicial, con toda a materia e a enerxía existentes outra volta concentradas nun só punto.

Na película Annie Hall de Woody Allen, un neno superdotado descoida os seus quefaceres escolares a causa da angustia que lle ocasiona o coñecemento de que o universo se expande. Eis a terceira das posibilidades: a probábel expansión até o infinito, unha dilatación sen fin nun tempo cronolóxico tamén sen límites; toda unha demostración do significado matemático da palabra.

Culpar o profesor de física, facer recaer nel toda a responsabilidade, sería doado. Doado, si, dicir que ben puido manter a boca pechada; que foi alí, no transcurso daquela aula, onde quedei enleado no gran ensarillado; afirmar que foron as súas argumentacións as que me levaron a formular a gran pregunta… Antes o infinito, despois máis infinito, entrambos o tempo: un instante insignificante no medio da inmensidade do universo. Daquela, que facer con el, con ese tempo intranscendente que se me concedía?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *