Whitman / Pessoa

whitman_at_about_fiftyFidel Vidal. Son moitos os autores para os que, na orixe dos heterónimos de Pessoa, gaña peso un diálogo a tres bandas: entre a alma, o Eu poético e o propio home de carne e óso, tal como acontece no Canto a min mesmo de Walt Whitman. Non foi só un poeta o que Pessoa encontrou en Walt Whitman, senón dous, e ao mesmo tempo unha multiplicidade inmanente deles, até o punto de que a visión de Whitman é a visión mesma da diferenza e da multiplicidade cantadas por si mesmas. O “ser diferente” e o “ser múltiplo” denotan o carácter de todos os existentes, e constitúen por iso a auténtica riqueza do Todo que de nada é formado senón de partes como nunha sinfonía.

Estamos construídos e feitos dos sinais que deixan en nós todos os seres e as cousas que amamos intensamente e que, en ocasións, perdemos. É dicir, somos un produto dos seres e das cousas coas que nos identificamos. “Un poema é a projeção de uma ideia em palavras através da emoçãao. A emoção não é a base da poesia: é tão-somente o meio de que a ideia se serve para se redizir as palavras.”

                                   Minha senha? Walt Whitman!

                                    Mas não dou senha nenhuma.

                                                            Álvaro de Campos

pessoaWhitman está presente no heterónimo Álvaro de Campos (e ao mesmo tempo abolido polo exceso desa presenza e a distorsión do emprego que fai dela), é obvio que esa presenza se poida interpretar en termos de psicanálise textual, como liberación baixo forma imaxinaria dunha pulsión erótica ambigua e inconfesábel, ou só confesábel baixo a forma delirada que lle confiren os poemas whitmanianos de Campos.

O corpo glorioso e narcisista de Whitman é o contrario daquel corpo aludido por Álvaro de Campos, un corpo mutilado. “Álvaro de Campos imaxina o seu corpo como inimaxinábel (quer dicir, intocábel) como unha máquina, e así metaforicamente vive nela a través dela os furores imaxinarios, os espasmos e os ardores ficticios, sobre todo os suplicios dos que a súa imaxinación corporal se alimenta”(E. Lourenço). A máquina, segundo Lacan, é como a estrutura solta e illada, sen a actividade do suxeito.

Eduardo Lourenço explícanos que baixo a vertente máis mimeticamente whitmaniana que é posíbel concibirse, Álvaro de Campos é un anti-Whitman, como Alberto Caeiro é un non-Whitman, “mas num caso e noutro inteligiveis apenas como a dupla e inversa maneira que foi a do ser criador Pessoa de ser Whitman continuado a ser Pessoa ou de ser Pessoa, apesar de ser Whitman.”

pessoa2O gozo sufrinte de verse só, sozinho, explícase a través das palabras de Bernardo Soares: “A dozura de non ter familia en compañía, ese suave gusto coma o exilio”. Que clase se enfermidade –preguntábase Hölderlin- afecta ao home que sostén que existe o Un e que só existe o Un? Hai un Un pero existe un Outro, un Outro do Outro no Un e os outros Uns dentro do Un. “Eu mesmo, o son acaso?” (Mallarmé)


¿Que me contradigo?

                                   Si, contradígome E ¿que?

                                   (Eu son inmenso…

                                   e conteño multitudes)

                                 Walt Whitman

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *