O castigo máis idóneo

castigo2Francisco Ant. Vidal Blanco. Aínda pesa na conciencia de Xulio unha ameaza que lle fixeron certa noite de inverno, cando, sendo neno e revoltoso se negaba a cear e ir para a cama ata que seu pai, con voz moi seria, sen dirixirse a el senón á esposa ameazou, «se segue así, botámolo fóra e que durma cos lobos», e ó momento apagaron a luz e pola fiestra apareceu toda a escuridade do mundo envolvendo a rúa batida polo nordés. Logo, a nai, tras volver a acender a luz, lamentou que non ía quedar máis remedio ca deixalo á intemperie, e lembrou o que lle pasara a un neno da mesma idade moitos anos atrás, que tamén se portaba mal e os pais botárono a fóra cunha frase que a providencia acabaría tomándoa por lei e norma: «Que aínda te coman os lobos»; e cando quixeron levantarlle o castigo e saíron a chamalo non o atoparon. Buscárono polas casas da veciñanza e polos montes do arredor, pero o neno non aparecía, chamábano e só se oía o zoar do vento e algunha curuxa que respondía con voz de camposanto, ata que, á maña seguinte, un veciño atopou os seus zoquiños, e todos quedaron convencidos de que o neno fora devorado por un lobo moi exquisito, que descalzou ó cativo antes de papalo.

A literatura oral, unha vez máis, serviu de lección e norma de conduta para que o neno Xulio deixase de enredar, acabase a cea e fose para a cama ben comido e ben servido. Pero aínda é hoxe o día no que o meu amigo dubida de se gabar a seus pais por bos pedagogos ou acusalos de malvados, pois aínda ós seus cincuenta e tantos anos non se atreve a pasar por certas rúas escuras.

Nunca se sabe se é mellor o escarmento ou a ameaza, aquilo que reconducindo unha mala actitude non prive ó cativo da súa personalidade. o castigoE todos estamos de acordo en que a eficacia dunha reprimenda non se pode valorar mentres non pase un certo tempo e se vexan os resultados, porque tampouco funcionan igual os castigos nuns nenos ca noutros.

Do que si estamos seguros é de que eses pais xaponeses que castigaron ó fillo revoltoso botándoo fóra do coche e facéndolle crer que o abandonaban, sen pensar nas consecuencias, non coñecían ningún exemplo da oralidade para calmar ó crío e actuaron sen contar co imprevisible que é un neno. E estou seguro de que no Xapón non han de faltar temas na literatura oral para reconducir unha actitude como esa. Á fin, ate nos pobos máis primitivos é a literatura oral quen cumpre coa función de amosar e inculcar os consellos, as normas e a ética máis adecuadas.

Ó final, por sorte para todos, non houbo que lamentar desgrazas. O cativo, que nun principio correu detrás do coche, cansou e na vez de ficar a chorar na berma da estrada, meteuse por camiños impensables demostrando que era unha persoa ousada e con recursos, buscou refuxio e tivo a suficiente serenidade de agardar ata que o atoparon. Agora a pregunta que nos facemos é se non merecen eses pais un bo castigo por arriscados, arroutados e neglixentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *