Pulvis es

pulvis
Todo acaba convertido en sedimento FOTo JESÚS SUÁREZ ARES

Xulio Gutiérrez. Cando o mércores de cinza se proclama «pulvis es et in pulverem reverteris» (Xénese 3,19) acértase de cheo porque ese é o destino final de todo ser orgánico ou inorgánico. Todo, ata a montaña máis alta e fachendosa, acaba convertido en minúsculos graos de sedimento pola acción, ao longo dos eóns, do vento, da auga e da gravidade. As forzas que modelan paseniño a paisaxe son implacables. Ao longo dunha vida humana, as montañas desprázanse cabalgando sobre as placas tectónicas a unha velocidade que non excede a do crecemento das uñas. Desde o día do meu nacemento, a finais dos anos cincuenta do século pasado, América separouse de Europa un pouco máis de un metro, o que comparado cos 5.282,59 quilómetros que nos separan resulta imperceptible.

Como imperceptible é o lento desgaste das rochas que baixan polo río converténdose secuencialmente en bloques (ata 25 centímetros de diámetro), cantos rodados (entre 6 e 25 centímetros), gravas (entre 2 milímetros e 6 centímetros), e areas (entre 0,06 milímetros e 2 milímetros). Os graos menores son os limos e as arxilas.

As areas que se depositan nos esteiros evidencian os lugares por onde pasou o río que as trouxo. Os xeólogos adoitan estudar estas areas na procura de minerais interesantes que logo buscarán río arriba. Xa na praia, estas areas mestúranse coas que aportan as correntes mariñas, formando un corpus fascinante polo diverso e heteroxéneo. Vista ao microscopio, unha mostra de area de praia contén, entre ducias de diferentes especies minerais, todo tipo de restos orgánicos e inorgánicos: placas de ourizos, fragmentos de cunchas, espiñas de peixes, algas secas e… anacos de vidro, plástico, pezas metálicas, cabichas e outros restos que é mellor nin imaxinar.

Brillo dos graos de seixo

Se temos sorte e a mostra non está moi contaminada, o primeiro que destaca é o brillo dos graos de seixo pulidos, redondos e omnipresentes. O seixo é tan resistente que pode aturar a violencia das ondas moitas decenas de miles de anos, moito máis que calquera outro mineral. En nidio contraste aparecen as micas (negras, marróns, verdes e prateadas), os feldespatos e as plaxioclasas. Estes son minerais pouco resistentes que en poucos anos son moídos ata dar lugar a arxilas.

Pero entre estes minerais básicos aparecen outros máis curiosos. Nas praias de Barraña e Mañóns hai minúsculas pebidas de ouro (desafortunadamente en tan pequena proporción que non é rendible explotalo), na praia de Carragueiros hai litio e, en case todas as praias da comarca hai pebidas de cobre, prata, berilio, estaño, wolframio, magnetita, circonio, niobio e tantalio.

As praias son ecosistemas vivos e pulsantes. O incesante abalo das mareas trasega constantemente material da praia á antepraia, que é a gran masa areosa submarina da que a praia é a «punta do iceberg». Durante o inverno -especialmente durante os temporais- o balance é negativo: a praia perde material e, durante o verán, recupérao. A non ser que algunha obra mal concibida interrompa as correntes de deriva litoral. Neste caso, a praia perde area no inverno non recuperándoa no verán. A solución: «rexenerar» a praia con pedra machucada, e con resultados desoladores.

Pois iso, «memento homo quia pulvis es…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *