Entusiasmo

leyes-educativasMaría Xesús Blanco. Son mestra. Porque quero. Porque me gusta a docencia. Comecei a miña andaina nun colexio rural na costa da Morte. Unha experiencia enriquecedora. Como todas as que seguiron despois. Alí puiden ver, por vez primeira, a distancia que había entre a teoría da educación e a escola real. Eran os anos noventa, e a coñecida EXB estaba esgotando o seu periplo. Percateime tamén de que ter títulos universitarios e aprobar un difícil exame de oposición íanme servir de pouco á hora de artellar estratexias para traballar cos meus alumnos. Descubrín que eu era unha alumna máis naquel contorno heteroxéneo cheo de bulicio. E que a mellor motivación ía ser a miña capacidade de transmitir entusiasmo por aprender. Quizais por iso vivín con optimismo a chegada da Loxse, coido que como a maioría do profesorado, polo seu espírito pedagóxico, aberto e inclusivo, que xerou un intenso clima de traballo nos centros, involucrando toda a comunidade educativa, e situando os nenos e as nenas como verdadeiros protagonistas da súa aprendizaxe, tentando respectar, ao mesmo tempo, o seu ritmo e as súas capacidades.

LOMCE-1Claro que todo é mellorable. E que vimos como, despois dalgunhas modificacións ás présas, como a implantación da LOE no ano 2006, sería necesaria unha reflexión máis profunda e sosegada a fin de seguir avanzando na mellora do nosa escola. Por iso, créanme, endexamais pensei que no ano 2012, en plena catarse económica e social, o goberno estatal proporía unilateralmente unha nova lei, a Lomce, artellando un dos seus eixes principais arredor de recortes e avaliacións diversas, entre elas as controvertidas reválidas.

Son mestra. E reitero: por vocación. E se de algo estou segura é de que unha lei educativa, que provoca desconfianza cara aos seus docentes e sensación de fracaso e frustración nos seus alumnos, non será capaz de xerar o entusiasmo necesario para construír o futuro que se merecen os nosos nenos e adolescentes.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, María Xesús Blanco, Narrativa. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>