Blonde On Blonde e a noticia da morte de Dylan

dylan1Gonzalo Trasbach. Camiñando sobre os pasos da miña mocidade en Londres, lembreime daquel cuarto na área de Kilburn, preto de Abbey Road, onde polas noites Bob Dylan soaba con frecuencia na radio. Entón evoquei aquelas cancións:  para empezar, o día 16 do pasado maio cumpríronse 50 anos da publicación de Blonde On Blonde, o sétimo álbum de estudio de Robert Zimmerman (Minesota, 24/5/1941), alias Bob Dylan. Considerado unha obra mestra, o disco, un dos primeiros dobres da historia da música popular, comezou a gravarse o 5 de outubro de 1965 e rematouse o 10 de marzo de 1966, e completaba a triloxía de rock e blues que o autor tiña iniciado con Bringing It All Back Home (1964) e continuou con Highway 61 Revisited, do que falamos aquí o anterior verán.

Naquelas datas tamén lera nos xornais unha tráxica noticia sobre o artista estadounidense. Aínda que se sabía que nos últimos tempos lle faleceran tres bos amigos e que a súa xira por Gran Bretaña e Europa resultase case un completo fracaso, en realidade todo marchaba sobre rodas na vida persoal e artística do cantante e compositor norteamericano. Non obstante, o 29 de xullo daquel mesmo ano estivo a punto de escribir o último capítulo da súa biografía. Aquel venres corría a gran velocidade na súa motocicleta Triumph 55, cerca da súa casa, en Woodstock (Nova York). A roda traseira bloqueouse, a moto patinou e encaixouse contra dun valado. No hospital de Middletown apenas sabían por onde empezar: múltiples roturas, ferida traumática na cabeza, cortes por todo o corpo… Salvou por un pelo.

dylan2A radio divulgou a noticia de que Dylan morrera coma James Dean. Pero sobreviviu e pasou unha longa tempada hospitalizado. Foi máis dun ano afastado da vida social. Ao longo deste período de tempo Blonde On Blonde vendeu medio millón de copias en USA, onde foi saudado e celebrado coma unha obra cume. Finalmente, en outubro de 1968 xuntouse cos membros de The Band para gravar varias cancións. A vida seguía.

Coma dixemos, Dylan xa tendera pontes de unión entre o mundo do folk, dominante nos ambientes universitarios estadounidenses, do rock e do blues a través do seu quinto álbum, Bringing It All Back e máis tarde con Highway 61 Revisited, que converteu ese caderno de notas en renxentes e vitalistas acordes con textos nutridos pola xeración Beat. Mais o que ocorre con Blonde On Blonde xa non é só unha pequena revolución senón que é un traballo de madurez sonora: unha xenial ópera escrita sen rede de protección, pois rompeu con toda unha paleta de cores xa demasiado tópica e convencional.

A cuarta cara do primeiro dobre álbum da historia da musica popular está só ocupada polos máis de once minutos que dura o corte Sad Eyed Lady Of The Lowlands, un fresco dedicado á súa dona de entón Sara Lownds. Para gravar este disco Dylan desprazouse ata Nashville. Quería músicos desta cidade. Pero á vez lévase até aló a Al Kooper (teclados), a Robbie Robertson (guitarra de The Houks, antes de que se convertesen en The Band) e ao guitarrista Charlie McCoy e ao produtor Bob Johnston, que son os encargados de falar cos músicos locais, de raíz clásica pero abertos de miras. dylan3O diálogo funcionou e Blonde On Blonde pon sobre a mesa a nova gramática sonora de Dylan: a que levaba perseguindo dende o disco anterior.

Deste álbum, onde se nota sen ningún disimulo toda unha enorme débeda coa paisaxe do blues, extraéronse varios sinxelos, os cales se converteron en himnos xeracionais, coma por exemplo I Want You, tema revestido cunha fina e sutil capa emocional de carácter pop. E Just Like A Woman, unha das máis certeiras mensaxes de Dylan cara ao universo feminino, tan central en toda a súa produción artística. Despois deste álbum Robert non volverá a sacar á luz un novo disco ata 1968: John Wesley Harding e só fará unha xira seis anos despois, acompañado polos The Band.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *