A cacería, de Amadeo Cobas

a caceriaPedro García Vidal. «A Gran Cacería é o acontecemento máis sobranceiro na poboación. Ao albiscar o inverno, unha partida de homes sae a facer a batida das pezas que han soster os nosos meses escuros e fríos. Un meniño coma min deixa de selo coa participación na cacería». Desta maneira comeza o novo libro de Amadeo Cobas (Noia, 1966) quen, dun xeito trepidante, nos introduce na loita pola supervivencia dun pobo personificada na figura dun neno.

Ao igual que sucedía na súa ópera prima en lingua galega, Contos de viaxe (2002) e na súa segunda, As pantasmas sodes do que non hai(2008), tamén nesta Cacería a viaxe é a protagonista. Neste caso a viaxe preséntase como ese traxecto vital de neno a home que Zairo, habitante dunha tribo salvaxe, debe transitar coa participación na Gran Cacería anual.

Loitas, envexas, traizóns, violencia, morte, pero tamén, amor, fidelidade, tradicións, fanse presentes nesta nova obra de Amadeo Cobas, Unha clásica novela de aventuras, onde un pobo loita por sobrevivir nun tempo e espazo míticos, e onde ao mesmo tempo figura unha reflexión sobre a conformación da identidade do heroe. Unha historia engaiolante que atrapa dende o inicio ata a derradeira palabra.

«A cacería»

Amadeo Cobas

Edicións Xerais (2016) 131 páxinas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *