Un laxante filosófico

freudX. Ricardo Losada. Prometín nun artigo anterior escribir sobre os problemas que tiven ao recoller caca para un coprocultivo, e vouno cumprir. Recordade a historia: Un internista dime que necesito facer unha análise de feces e ao chegar á casa decátome que sabendo que, ao acabar, terei que coller unha mostra, cagarei condicionado, e cagar condicionado provocarame un retraemento, tal e como me pasara un día calorosísimo de xullo en Arcos de la Frontera. Atopei un bar e entrei a tomar un refresco. Ao rematalo, con moitas ganas de evacuar desde había horas, fun ao baño. Nunca tal vira nin vin despois. O baño era un cubículo inmundo tipo oeste americano, sen teito, e mexando de pé os clientes víanche a cabeza. Como cada país ten os seus costumes, e meu avó sempre me aconsellara que “allí donde fueres, haz lo que vieres”, púxenme de crequenas convencido de que sería quen de culminar a operación con éxito. Inxenuo de min. Comprázome de ser bastante ruidoso e oloroso nesas circunstancias, tal e como esixe mamá Natureza, pero cagar pensando na guasa andaluza coa que me recibirían os clientes do bar cando saíse, provocoume iso que os copropsicólogos chaman fobia social das feces.

     Só conseguín culminar a operación con éxito recorrendo ao doutor Freud. Entre os dous e os tres anos, di, os nenos descobren que as feces son súas, e gozan reténdoas. Como os pais os obrigan a expulsalas, é crucial para a súa personalidade futura como o fagan. Se os obrigan con ameazas, o neno acabará sendo un tipo egoísta e avaro, e sufrirá cada vez que teña que dar algo. Se os obrigan dándolles un pracer maior (aplausos, regalos) que o pracer retentivo, serán uns adultos solidarios e xenerosos. Eu levaba anos sendo un tipo xeneroso (grazas, mamá), e co control de esfínteres tan ben automatizado que, ao mesmo tempo que obraba, lía libros de filosofía que á maioría da xente lle producen un forte retraemento. Así que aquel día, en Arcos de la Frontera, vendo que os meus esfínteres regresaban á primeira infancia para gozar retendo a caca, decidín seguir o consello de Freud, e púxenme a aplaudir para animalos a evacuar. Inutilmente, porque a caca só comezou a brotar cando os clientes do bar me acompañaron, crendo que (no fío musical cantaba Camarón), estaba dando palmas. Supoño que á caca, por consideralo interesado, non lle valía o meu propio recoñecemento.

 lendo    Cagar sabendo que despois tería que recoller os excrementos tamén sería cagar condicionado e provocoume un retraemento similar, pero non por unha causa física ou psicolóxica, senón por algo moito peor: unha causa filosófica. Por primeira vez na miña vida ía cagar unha caca que non era un fin en si mesmo, senón un medio para saber se eu tiña unha enfermidade. Recordaba constantemente a oposición da igrexa católica a que os pais teñan un fillo para aproveitar as células do seu cordón umbilical e facerlle un transplante a un irmán maior. Como se sentirá ese neno, preguntábase a xerarquía eclesiástica, cando saiba que foi concibido como un medio e non como un fin? Como se sentirá a miña caca, pensaba eu, cando saiba que foi concibida como un medio e non como un fin? Coincidiredes comigo en que nin o mesmísimo Freud se atopou nunca cun caso así. Un profesor de filosofía incapaz de evacuar porque atentaría contra un dos principios deontolóxicos básicos (Kant, século XVIII) da súa profesión: tratar todos os seres como fins en si mesmos, nunca como medios. Aínda así o retraemento tivo un final feliz ao decatarme de que, de neno, miña nai observaba e ulía a miña caca para saber se estaba enfermo, e diso non se podía deducir que eu a cagara (xúrocho, mamá) coa finalidade de que ela a analizara. Neste caso que nos ocupa eu tampouco cagaría para que me fixesen unha analítica, cagaría porque tiña que cagar, e despois o analista analizaría o que tiña que analizar. Para el, a cagada era un medio; para min (uf), un fin.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *