Monte Condón

monte condon
Foto: Eduardo X. Estévez A.

Antón Riveiro Coello. A vontade popular fai mudar moitas veces os nomes dos lugares dun xeito estraño. No concello de Boiro, Servia, Corea e Exipto están nun raio de poucos quilómetros. O caso de Servia vén de lonxe, pero o de Corea xurdiu non hai moito, e o de Exipto, que tiña a orixe na virxe da Nosa Señora de Exipto, acabou por ter a súa versión profana cunha pirámide chantada no medio dun parque, ocorrencia política que fica aí como algo absurdo e trapalleiro.

A última achega popular nestes anos vén sendo a de monte Condón, uns piñeirais apegados á praia de Barraña, que adoitan frecuentar as parellas de noite para procuraren unha intimidade propicia. O nome estendeuse tanto que o outro día un neno de seis anos repartiu entre os compañeiros de clase o convite do seu aniversario. Na tarxeta, impresa polos seus proxenitores, avisaba que despois de sopraren as velas habería xogos varios en monte Condón. Mesmo hai un par de anos, despois dunha pelexa entre rapaces, a policía local seica escribiu no parte: «importantes incidencias en monte Condón».

A verdade é que cada vez que paso por alí sospeito que ese nome vai ficar na memoria para sempre porque o lugar, teño que o recoñecer, préstase para o amor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *