O mellor regalo de mamá

cagandoX. Ricardo Losada. Aquí vai o terceiro dunha serie de artigos bastante merdentos que publiquei en Café Barbantia nas últimas semanas. No primeiro falaba da merda como residuo da alma; no segundo debatía sobre se a caca para analizar era un medio ou un fin en si mesmo. Neste contareivos algo menos filosófico. Recordade o contexto. Tiña que facer un coprocultivo e necesitaba caca. Pois ben. Suscitóuseme o problema de como recollela. Son un tipo máis teórico que práctico, e cousas que á maioría da xente lle parecen elementais, a min parécenme xeroglíficos exipcios. Por riba o médico esixírame que a caca non estivese contaminada de ouriño nin de auga nin de ningún outro elemento, rompendo así a miña inercia cagadora. Pregunteilles aos familiares e amigos que xa fixeran un coprocultivo e a todos, sen excepción, pareceulles unha pregunta ridícula (eles resolvérano sen axuda), pero en canto a contestaban, cada un ao seu xeito, acababan discutindo sobre cal era a mellor forma, confirmando así unha vella teoría miña: é posible discutir filosoficamente, cando menos na variante bizantina, sobre calquera tema. Porei só un exemplo colateral dos moitos que saíron: Ten a merda a mesma natureza esencial cagada nun retrete que nunha basenilla?

      Non vou recrearme agora en contar todas as alternativas, pero si direi o consello maioritario: comprar un recipiente que venden en farmacias e poñelo no ano mentres cagaba. Alucinei. A miña imaxinación non era quen de concibir a postura corporal necesaria para tal cousa. E cando vin o recipiente, aínda alucinei máis. Crin que sería tipo ouriñal e naquel minúsculo cacharro a maioría da caca desbordaría. Tería que levarllo ao médico manchado (nin se me ocorrería) ou lavalo contaminando de auga o excremento. Máis doado sería, desde logo, se contase coa axuda doutra persoa pero non me parecía de recibo, nin para a miña dignidade nin para a dela, pedirllo á muller. Xa sei que prometera coidarme na enfermidade, pero, primeiro: non era seguro que estivese enfermo, e segundo: imaxinade a situación: ela detrás co recipiente, eu en crequenas… Se xa non fora capaz de pórme un supositorio porque lle daba a risa… imaxinade en semellante situación.

 merda2     Decidín abordar o tema como un home do século XXI (tampouco se trataba de cagar de campo, como me recomendara un amigo) e fun a internet. En Youtube escribín algo así: Como recoger mierda para un coprocultivo. Apareceu isto: Como recoger una muestra de heces para el Departamento de Salud. Pareceume un título excesivamente fino para a temática tratada pero vin o vídeo. Na primeira fase do titorial, Prepárese, estiven a piques de pechalo: precisábanse máis de dez utensilios, desde guantes ata varios tipos de recipientes, para culminar  a operación. A segunda fase, Recoja las muestras, xa me gustou máis. O titor pegaba con adhesivo unha especie de cueiro aos bordes da cubeta e, de seguido, púñalle enriba un recipiente. Eureka!, xa tiña claro que debía facer. A falta de cueiros, rompín unha caixa de cartón, cortei un anaco do tamaño pertinente e coloqueino no fondo da cubeta con papel albal enriba. Despois evacuei o máis suavemente que puiden (tiña medo que o peso da caca derrubase a estrutura de cartón e as feces se contaminasen de auga) e, ao acabar, recollín a mostra, pada a pada, coa espátula farmacéutica, e metina no recipiente, satisfeito polo éxito da operación, a elegancia do método e a economía de medios empregados. Pero na casa do filósofo a alegría non dura moito e, de inmediato, xurdiume outro problema. Como levarlle ao médico aquel recipiente transparente? Tal cal, metido nun envoltorio opaco ou, como parecía máis fino, en papel de regalo, pois –recordei- o doutor Freud dixera que a caca é o primeiro regalo que, de nenos, lle facemos á nosa nai?

Un comentario en “O mellor regalo de mamá

  1. Hola, José Ricardo, la anécdota que te prometí te la he mandado vía ámbito” coleguismo ” supongo que la habrás leído.
    Ya me contarás si todavía, ( mejor, lo veré ) el melodrama de la catalina aún está en su plenitud, o en su deserción. Continuaré leyéndoos . Hay una moraleja que también viene al pelo.¿ Te la cuento ? Has dicho que sí verdad ? Ahí va !!!
    Un niño camino del colegio encontró un pajarito casi muerto de frio. Lo metió bajo su abrigo pero, al llegar a la escuela supo que no podía entrar con el. Se dio cuenta que había una boñiga de vaca recién hecha ( todavía humeaba ) y lo metió dentro. El pajarito con el calorcito de la boñiga revivió y empezó a piar, pío, pío. En aquel momento pasó un gato, le hechó la zarpa y lo comió. Moraleja : – No todo aquel que te manda a la mierda te quiere mal, no todo aquel que te saca de la mierda te quiere bien, y cuando estés metido en la mierda, NO DIGAS NI PIO.
    Besiños palmeirans

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *