O tempo na historia e na literatura (I)

tempo1Antón Riveiro Coello. Vargas Llosa di que a soberanía dunha novela non resulta só da linguaxe na que está escrita, senón tamén do seu sistema temporal, da maneira como discorre nela a existencia… E engade que se entre as palabras e os feitos hai unha distancia, entre o tempo real e o dunha ficción hai un abismo. Dentro da novela o tempo pode variar, pensemos en Crónica de una muerte anunciada na que comeza coa morte, ou en relatos como o d’O Neno Suicida de Dieste dun home que nace vello e vai cara a infancia… ou mesmo que haxa unha coincidencia entre presente e futuro como no Ruído e a Furia de Faulkner.

Na novela histórica –se exceptuamos as feitas dende o intre histórico escollido-, o escritor amosa os seus escrúpulos propios do momento en que escribe e espalla as súas ideas e prexuízos na antigüidade na que se desenvolve a trama, ateigándoa moitas veces de tácitas referencias actuais. Deste xeito, toda novela histórica adoita ser anacrónica. Por moito que o escritor pescude e recupere polo miúdo o feito histórico, sempre haberá un proceso de distorsión porque, no mesmo intento de acadar que o lector se recoñeza na historia, hai un proceso de actualización que se afasta do tempo no que transcorre a novela. Estas eivas renxen canto máis lonxe se sitúe a época, e, sobre todo, é na linguaxe onde mellor se aprecian.

Polo tanto, o presente sempre se entremete na novela histórica, ben na linguaxe, ben na imposibilidade de retrotraer o pensamento nesta distancia temporal.

A nosa ollada do pasado sempre é unha ollada dende o presente, condicionada pola nosa forma de pensar actual, coa nosa opción política e filosófica de entender o mundo.

tempo2O escritor na súa novela enfróntanse coa historia e represéntaa nunha interpretación persoal que o fai inserir na historia mesma, mais sempre baixo as súas pautas ideolóxicas e morais, baixo a súa ollada persoal do mundo. O escritor non reflicte a realidade con exactitude, senón que crea outra que xorde da súa interpretación, dende a súa perspectiva.

Chama tamén a atención cómo o tempo afecta de diferente maneira nunha obra histórica e nunha obra literaria. Unha novela pode caer no esquecemento nunha determinada época, e cos anos, mesmo cos séculos, converterse nunha obra mestra. As obras de historia, apenas publicadas, comezan a se desactualizar e poden ser reemprazadas e superadas, porque como é lóxico, os procesos históricos son revisitados, non para ofrecer outras versións do xa coñecido, senón para forzar a memoria colectiva a unha nova ollada cuestionadora.

Chesterton dicía que non son os creadores do imposible os que padecerán pola marcha do tempo; os escritores aos que pode ferir o tempo son eses escrupulosos realistas, observadores minuciosos de cada detalle deste mundo que pasa. Porque, con certeza, nada é máis fráxil ca un feito; un feito vai co vento antes ca unha ensoñación. Unha fantasía pode durar miles de anos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *