Unha sensación estraña, de Orhan Pamuk

sensacionXerardo AgraFoxo. Con este prosaico título, Orhan Pamuk conta a historia de Mevlut Karata, un labrego que abandona aos doce anos a súa aldea de Anatolia para instalarse nun humilde arrabalde de Estambul, onde desenvolverá a súa vida como vendedor ambulante de boza durante os seguintes anos. A novela comeza cunha sorprendente e romántica escena: Mevlut, cativado pola beleza da súa veciña Saminha, secuestra, por equivocación ou engano, a irmá desta, Rayiha, coa que casa días despois para evitar problemas maiores. Seguindo os pasos desta parella, e outras que viven no anonimato que proporciona a cosmopolita cidade otomá, coñecemos os cruentos enfrontamentos entre kurdos, marxistas, laicos e islamistas, rivalidades históricas tan cotiás na Turquía dos últimos decenios.

Deste xeito, Unha sensación estraña (2016) convértese nun fresco  sobre a recente historia deste convulso país que, por ocupar unha situación xeográfica tan estratéxica, toda Europa esculca cunha ollada prendida de receos. Coma se fose un escritor do século XIX, Pamuk articula unha obra de 600 páxinas sen concesións efectistas, nin sobresaltos argumentais. sensacion2A través dos soños duns personaxes inesquecibles, coñecemos a cidade vella de Estambul, dende 1969 ata o 2012, e tamén un mundo ateigado de conflitos raciais, persecucións relixiosas e aldraxantes comportamentos. Esta é a obra dun escritor libre (Premio Nobel, 2006), un intelectual  que, malia os ataques que recibe –“difamador e traidor”– dos seus veciños máis intransixentes, loita para que a súa Patria non perda a senda democrática que trazara moitos anos atrás Mustafá Kemal Ataturk.

Un compromiso envexable e unha obra de alta literatura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *