Merda de artista: esa fermosa materia

miro2Fidel Vidal. Os traballosos e instrutivos exercicios que X. Ricardo Losada tivo que pasar co obxecto de recoller unha mostra para un coprocultivo, tráeme á memoria a historia de dous artistas con referencia ás cacas, é dicir, á merda (“como residuo da alma”), perdoando as caras dos presentes. Sabemos que se trata da primeira materia con certa consistencia e olor que o ser humano ofrece ao mundo: unha obra como consecuencia de obrar, é dicir, o facer do (de) corpo. Nesta ocasión non imos entrar nos detalles que a denominada fase anal de Freud trae consigo nin nos múltiples simbolismos que as cacas amosan (“un pasteliño para mamá”). Baste lembrar os modos de expresión para referírmonos a ir de ventre e dar coas claves, por exemplo, sobre a carga obsesiva e de control que a acompaña (“ando como un reloxo”), mesmo no uso ao falar de medo (“cagouse pola pata abaixo”) ou como insulto (“es unha merda”). O que hoxe nos interesa é o excremento humano como materia e material nas artes plásticas.

E lembreime dunha anécdota de Miró tirada do libro Conversas con Miró de Georges Raillard (Granica, Barcelona, 1978) e que, nestes días, a súa relectura resultou moi refrescante. miro1O diálogo transcorre ao longo dunha semana en Palma de Mallorca, na que falan e percorren os diferentes obradoiros, contemplando e tocando centos de teas (“toque, toque”, dille Miró a Raillard, mentres lle leva o dedo ao longo dun trazo). Nel Miró relata como, cando as súas obras eran “un valor de bolsa!”, cousa que lle desagradaba profundamente, queimou unha serie delas. “Queimeinas por motivos plásticos e de oficio, cousa que produce un fermoso resultado; e tamén para contestar `merda´ a todos os que din que eses cadros valen unha fortuna. Eu quéimoos”.

Nun dos talleres Georges Raillard pregunta por dúas manchas escuras, espesas, que se repiten simetricamente sobre dúas follas. Son dunha materia que lle fan pensar en excrementos. “Si –responde Miró-. É merda. Eu estaba aquí pintando e tiven ganas de cagar, deixei caer o pantalón e caguei sobre os papeis de lixa novos. E despois, paf, pousei o outro cartón enriba. Deixeino e resultou esa fermosa materia. Talvez non conveña dicilo, os marchands… Para min non se trata dunha provocación como a daquel italiano que fixo eses botes de conserva coa etiqueta que puña Merda d’artista. Non: é unha fermosa materia, unha fermosa materia.”

O italiano a quen se refire non é outro que Piero Manzoni, ligado a arte conceptual, herdeiro do dadaísmo e do surrealismo, preto das vangardas e da transvangarda italiana (Paladino, Chia, Clemente) como da arte povera (Mario Merz). Foi quen de converter a terra en obra de arte. E tivo a súa influenza no body art, na arte da natureza e nas performances. Así mesmo inflou globos de cores co seu alento e estampou, como sinatura, o polgar nunha partida de ovos cocidos.

miro3No cumio da súa crítica do mercado da arte, envasou os seus propios excrementos co título Merda d’artista. E apareceron 90 latas coa merda etiquetadas en distintos idiomas e asinadas na parte alta polo autor. O prezo de venda emparellouno ao valor da cotización do ouro. Houbo quen dixo que o contido das latas non era merda senón xeso. “Estes imbéciles de burgueses o que realmente queren é merda”(Manzoni).

Merda d’artista. Contido neto: 30 gr. conservada ao natural e envasada en maio de 1961”. No ano 2007 a casa de poxas Sotheby’s de Londres vendeu un bote de “Artist’s Shit” de Piero Manzoni en 124 mil euros.

 Coda: “Sempre lle digo a Dupin: gustaríame morrer dicindo merda” (Joan Miró)

4 comentarios en “Merda de artista: esa fermosa materia

  1. Prezados Fidel e Magdalena: grazas aos dous polas vosas referencias. A verdade é que o artigo de Fidel é moi instrutivo e documentado, coma sempre, e a anécdota de RAMÓN. XA PODÍAS… xenial. E o máis importante: os dous con humor. Que non falte!
    Apertas rianxeiras

  2. Grazas polo comentario, Magdalena.
    Estou coa avoa. Neste país de “estreñidos” (véxase a cantidade de anuncios na TV para “ir de ventre”) está ben que lembremos o refrán: “Dos praceres sen pecar o mellor é o cagar”, aínda só sexa merda.

    Fidel Vidal

  3. Hola Fidel: Ya veo qué el capítulo del coprocultivo continúa cual culebrón sudamericano. Pues me parece muy bien. Cuando contesté al segundo episodio de José Ricardo Losada le dije que le contaría una anécdota referente a la mierda, y como sé que esto también el lo leerá ya la incluyo en tu comentario. Por cierto, tu artículo es muy bueno.
    Esta es la historieta : – Era una abuela que cuidaba de un nieto ( vecinos míos puerta con puerta ) Vivíamos en una plazoleta y había un rincón que estaba sin asfaltar , y allí solían hacer los niños sus necesidades. El nieto de la buena señora era gordito, siempre estaba comiendo, y como dice el refrán ” Así como come el burro así lo caga el culo ” pues bien, como ella era la que lo limpiaba y estaba todo el día con la misma faena, cansada de tal menester, le gritó ” RAMON.. XA PODIAS CAJAR MERDA ” Y con la redundancia de este acto fisiológico, me despido con cariñosos saludos. Otro para Losada . Gracias

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *