O arquitecto do universo, de Elif Shafak

arquitecto1Inés Otero. Elif Shafak é unha escritora turca –nada en Estrasburgo no 1971– moi recoñecida no seu país por dúas obras:  A bastarda de Estambul (2009), a novela na que, por abordar o xenocidio  armenio, o seu Goberno levouna a un xuízo no que resultou absolta, e O froito do amor (2012), na que trata os contrastes entre Oriente e Occidente, a través das peripecias dunha familia kurda que emigra a Londres nos anos 70. Agora publica unha obra onde as voces das minorías –“silenciadas e reprimidas”– son o fío condutor dunha historia enmarcada no século XVI, aqueles cen anos que tanta pegada deixaron no mundo islámico.

O arquitecto do universo (2015) ten como principais protagonistas a Jahan, un mozo indio que viaxa ata Istambul para levarlle un elefante branco ao sultán otomán, e a Sinan, o autor das numerosas mesquitas e pazos que iluminan a fermosa capital turca. A través das biografías destes dous personaxes, un real e outro ficticio  –o mestre e o alumno–, coñecemos como se desenvolve a vida ao redor do harén real, como se ergueron os monumentos ás marxes do Bósforo e como viviron estas dúas persoas –Sinan e Jahan– que conseguiron superar as eivas que os espreitaron no medio dunha sociedade “patriarcal e conservadora”.

JRA_ELIF_SHAFAK_010.jpgCoa súa escrita precisa, unhas escenas moi visuais e unha acción con constantes sorpresas, O arquitecto do universo resulta unha novela moi acaída para coñecer a historia dunha época e os tesouros que garda a cidade de Istambul, auténtico pano de fondo desta intriga contada coa mesma sinxeleza que aqueles cativadores relatos de As mil e unha noites.

Moi recomendable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *