Elisa Lobeira. A matriarca das letras galegas, Luz Pozo Garza, ofrécenos, aos 94 anos, unha nova entrega poética, Rosa tántrica (Santiago, Alvarellos, 2016). Un diálogo con Jorge Luis Borges, a partir do relato do arxentino “La rosa de Paracelso”. Acostumada a dialogar, en verso ou en prosa, con moitas das nosas grandes voces poéticas (Rosalía, Pimentel, Martín Codax, Seoane, Manuel Antonio), ábrese agora ao autor de El Aleph para crear un novo universo poético, en perfecto equilibrio entre o clásico e o novo, entre o noso e o alleo. E como Borges, xa dende o título, mergúllase no budismo (é difícil non lembrar a Eduardo Moreiras), na enerxía do ciclo que abanea entre a vida e a morte. Un camiño cara á luz en xogo cos símbolos borgeanos.
A creación como complexidade eterna, no fondo de raíz simbolista, unha busca do permanente que fala a través dos símbolos. Poemario estruturado en dous libros e trece partes, combina momentos de gran intensidade lírica con poemas narrativos en boa simbiose, aínda que Luz Pozo salienta cando se deixa levar polas imaxes e a emoción lírica:
Daquela vin a imaxe escindida da lúa/nun vibrante retorno/vin os soños de inverno/que nos fan acordar/nunha aurora clemente/as horas do pasado…/a música da alma.
Enerxía vital e melancolía elexíaca, saudade do paraíso: “Asomeime ao brocal dun espello sublime/e cegáronme as ondas do coñecemento/Mirei adentro. Era o tempo do amor”.