Esculturas de Robustiano Losada Romero: NUCO

nuco1Eme Cartea. Como un novo Adrián Solovio rianxeiro, Nuco insírese na polifonía plural e social dun pobo que conformou a súa historia de retallos herdados e ás veces impostos dende dentro e dende fóra. Un pobo que se abre por necesidade e regresa por amor, para aquí reiniciar un proceso de autoafirmación persoal e colectiva, dende a esperanza á redención, do si ao nosoutros identificatorio.

Sobrio de estilo, vitalista e apaixonado do seu e dos seus, interésase pola pintura, a fotografía e a literatura, pero é a escultura a súa gran paixón (600 pezas o contemplan), que nace e se aviva nas súas enriquecedoras viaxes ao redor do mundo. A súa traxectoria vai de menos a máis, en progresión esencial e solidaria, e abarca unha temática extensa: dende o erotismo á relixión, o amor, a ciencia, a emigración, o costumismo, a etnografía… Cousas da terra e da vida, que diría Castelao.

E nesta exposición sobre a mitoloxía celta, os nosos deuses, as nosas orixes, extrema os límites formais e conceptuais para abordar esas zonas desapercibidas da realidade, escasamente exploradas, e que asumen as contradicións entre a maxia e o tanxible, o clásico e o imaxinativo, a erudición formal e a plástica.

nuco5Nuco traza 18 paisaxes sentimentais de resonancias milenarias que actualizan e agrandan o noso imaxinario como pobo. Unha escultura cálida, sentimental, nas estremas diluídas do real. Pintura de lindes imprevistos e profusión de lecturas que cancelan o escepticismo.

Escultura audaz, perturbadora, esencial. Un vangardista intuitivo en poxa perpetua coas fronteiras do recoñecible. Un inventor de formas posuído por unha insubornable fe e unha intensa imaxinación creadora onde o fortuíto solicita a súa atención e devén carne estética. Porque, hoxe, aquí  e agora, aconteceu o mañá: o gran milagre da arte.

Nuco, escultor, sente a irresistible vocación da beleza como catarse e pedagoxía. E máis ca esculturas, hai que falar nel de “ausculturas”: escoitemos pois, e gocemos, baixo a súa pel, desa “música dorida e oculta” da que nos fala Baudelaire.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *