A invención da Natureza. O novo mundo de Alexander von Humboldt (I)

Alexander von Humboldt,  Prussian geographer, naturalist and explorer (1769 -1859)Pedro García Vidal. A primeira vez que escoitei nomear a Humboldt -non podía ser doutro xeito- foi nunha clase de Xeografía de bacharelato. O admirado profesor Antonio Gutiérrez de Velasco trataba de explicar como a presenza da corrente fría coñecida por ese nome influía no clima dos países que miraban a costa occidental de América do Sur. Máis tarde souben que ese apelido bautizaba innumerables lugares e fenómenos xeográficos espallados por todo o mundo: serras, ríos, baías, glaciares, montañas, fervenzas, plantas, animais, e tamén prazas e rúas –unha delas na cidade da Coruña- e que correspondía a un dos máis grandes científicos da historia: o naturalista e explorador alemán Alexander von Humboldt.

Na Facultade souben logo que Humboldt recoñecíase por moitos como o pai da Xeografía Moderna, unha xeografía científica afastada da mera descrición de lugares. O seu nome aparecía ligado coa Climatoloxía, Xeomorfoloxía, Bioxeografía e outras ramas relacionadas coa Xeografía. Foi tamén o xeógrafo alemán quen sinalou o interese que, dende o punto de vista xeográfico, podería ter a consideración de imaxes na natureza e da paisaxe ofrecidas pola literatura e pola pintura. Cos seus Cuadros de la Naturaleza, foi o autor da primeira obra mestra do paisaxismo xeográfico moderno onde se combinan a perspectiva intelectual e a imaxinativa.

Berlín. Estatua de Humbolt diante da universidade
Berlín. Estatua de Humbolt diante da universidade

A mesma profusión de lugares designados na súa honra pon de manifesto a popularidade acadada polo naturalista alemán, posiblemente o científico máis coñecido no seu tempo. Porén, que queda hoxe, que posto ocupa Humbolt nos grandes investigadores que beneficiaron o mundo? Para e escritora e investigadora no Royal College of Art londinense, Andrea Wulf, autora desta monumental biografía, fóra do universo académico, o grao de descoñecemento das ideas de Humbolt nos países de fala inglesa é moi grande. Nunha recente viaxe a Berlín puiden persoalmente comprobar a veracidade desta afirmación tamén nos de fala hispánica: ante a estatua de Humbolt que preside a Universidade dese nome, que fundara o seu irmán Wilhelm, a guía preguntaba a un grupo de máis de 40 persoas quen coñecía tan insigne científico. Ninguén respondeu.

Ante un esquecemento tan inxusto, Andrea Wulf decide poñer mans á obra dunha exhaustiva tarefa coa finalidade de reivindicar unha figura cuxas ideas seguen dando forma ao noso pensamento. ANDREA-WULFLa invención de la Naturaleza é o meu intento de encontrar a Humbolt, dinos a autora. Para levalo a cabo, non dubida en viaxar por todo o mundo na procura de arquivos ou ler miles de cartas, pero tamén seguindo os pasos do naturalista viaxeiro: contempla as ruínas da torre de anatomía de Jena, en Alemaña, onde Humbolt pasou moitas semanas diseccionando animais, e en Ecuador sobe unha montaña para contemplar a desvencellada choza na que durmiu unha noite de 1802. Estivo na selva venezolana escoitando os seus ruídos e, en fin, ascendeu o Chimborazo, a montaña que tan fundamental foi para a visión de Humbolt. O resultado desta exploración por paisaxes e cartas, por pensamentos e diarios, é este libro, dinos, “o meu intento de redescubrir a Humbolt e devolvelo ao lugar que lle corresponde no panteón da natureza e da ciencia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *