A invención da Natureza. O novo mundo de Alexander von Humboldt (II)

la-invencion-de-la-naturalezaPedro García Vidal. O libro La invención de la Naturaleza conta a aventura do saber dunha persoa ben formada que decide ir descubrir como funciona o mundo. A  través dunha prosa limpa e coidada, Wulf, conduce o lector polos tempos convulsos polos que decorre a vida de Humbolt (1769-1859), onde el mesmo toma posicións claras: liberal progresista, aberto inimigo da escravitude e combatente de toda forma de opresión e discriminación. Coñecemos as persoas coas que se relaciona, Goethe e Schiller, especialmente, e das que Wulf expón as súas ideas más sobranceiras para mostrarnos os pensadores daquela época de cambio. Pero, igualmente, aparecen aqueloutros pensadores e científicos nos que Humboldt deixou unha forte pegada como Charles Darwin ou Henry David Thoureau e outros moitos sobre os que a influencia das súas ideas foi grande, e en parte pervive ata os nosos días.

O 15 de decembro de 1798 Humbolt, xunto ao seu compañeiro de viaxe o botánico francés Aimé Bonpland, emprenden a súa viaxe a España dende o sur de Francia coa finalidade de obteren permiso do rei Carlos IV para unha expedición científica polas colonias españolas. Unha vez conseguido, diríxense á Coruña onde, logo dunha espera de dez días, o 5 de maio de 1799 embarcan na corveta Pizarro iniciando así a súa expedición americana. Durante cinco anos Humboldt explorou Latinoamérica, tempo no que arriscou moitas veces a vida, e viaxe da que regresou cunha nova concepción do mundo.

humbold2Foi o primeiro científico en trazar as liñas isotermas, aquelas que unen puntos con igual temperatura; descubriu o ecuador magnético; decatouse da semellanza da vexetación en tódolos lugares do planeta baixo condicións semellantes, e o máis importante: revolucionou a nosa maneira de ver o mundo natural. Humbolt foi o primeiro científico que considerou a natureza no seu conxunto. Concibiu a terra como un gran organismo vivo no que todo estaba relacionado. Pero, ademais, advertiu premonitoriamente que os seres humanos estaban interferindo no clima e iso podería ter unhas consecuencias imprevisibles. A salientar, igualmente, a capacidade para expresar nos seus escritos sensacións e emocións, convencido de que o amor á natureza chéganos non só a través de medicións e observacións, senón tamén a través dos sentimentos. Humbolt converteu a observación científica en natureza poética. Volveu a ciencia accesible e popular.

Confeso a miña admiración por ese tipo de científico que, como Humboldt, Darwin, ou o máis próximo Domingo Fontán, abandona a comodidade do seu estudo para lanzarse á aventura cargado con todo tipo de instrumental co que observar, medir, verificar todo aquilo que se presenta ante a súa mirada interesada. Viaxe e aventura para analizar un mundo apenas coñecido. Posteriormente, na soidade, virá a síntese na que a observación tome forma  e se espalle.

humbComodamente instalados no noso sofá, Andrea Wulf condúcenos nunha viaxe estimulante a través da cunca bretemosa do amazonas; ao dificultoso ascenso de picos cubertos por neves perpetuas cargando cunha ampla variedade de instrumento e anotando meticulosamente tódalas especies que se poñan á vista, todo rexistrado no caderno. Unha narración admirable na que se combina información rigorosa con emoción vital ante a figura dun pensador moi por diante do seu tempo. Libro emocionante, marabilloso, escrito con entusiasmo e paixón, que nos achega a unha figura cativadora, o visionario alemán Alexander von Humboldt que creou unha nova forma de entender a natureza.

Un comentario en “A invención da Natureza. O novo mundo de Alexander von Humboldt (II)

  1. Non lin aínda o libro pero penso facelo en canto me libere das cargas burocráticas de principio de curso. Comparto plenamente esa comparación que fas entre Humboldt, Darwin e Domingo Fontán. Iso si que era Educación por proxectos!!!!!
    Apertas rianxeiras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *